Unha nova xornada de Ruralactivo

76

O programa Ruralactivo, para a dinamización socioeconómica de Xeve convoca a un terceiro Faladoiro aos veciños das parroquias de Santo André, Santa María de Xeve e Verducido. Terá lugar o vindeiro xoves, 25 de abril, ás 20.30 horas, no Centro Cultural de Santa María de Xeve. O principal obxectivo deste encontro é determinar as facilidades e/ou dificultades que atopan destas parroquias para levar a cabo proxectos de autoemprego que supoñan o aproveitamento económico do patrimonio local.

Ruralactivo, programa promovido polo concello de Pontevedra, realizou xa outros dous faladoiros cos veciños de Santo André, Santa María de Xeve e Verducido aos que asistiron unha media de 20 persoas. Neles, traballouse na identificación do patrimonio local (material e inmaterial) e na xeración de ideas para o seu aproveitamento desde un punto de vista económico.

A información xerada polos asistentes a estes encontros, será compilada e servirá de guía para planificar a seguinte fase do proxecto: crear unha Escola de Coñecementos que dea resposta ás necesidades e intereses formativos dos participantes ademais de que axude a levar adiante iniciativas de autoemprego.