Os equipos de normalización e a Aula Castelao, premios Xoán Manuel Pintos 2011

93

O Concello de Pontevedra e a Rede de Entidades Amigas da Lingua (REAL) convocaron este ano o Premio Xoán Manuel Pintos 2011 que foi concecido á Coordinadora Galega de Equipos de Normalización Lingüística e á Aula Castelao de Filosofía.

O premio ten o obxectivo de facer recoñecemento público ao labor de impulso do uso da lingua galega e ao mesmo tempo manter viva a memoria do xurista e escritor Xoán Manuel Pintos, figura central do Rexurdimento. Ademais, este ano o galardón cobra un sentido especial, ao inserirse dentro dos actos do Ano Xoán Manuel Pintos co que o Concello de Pontevedra celebra o bicentenario do nacemento deste autor, un dos pioneiros no compromiso coa defensa e a divulgación da lingua galega na súa obra.

O xurado decidiu, por unanimidade outorgarlle o premio ao labor desenvolto durante o ano en curso á Coordinadora Galega de Equipos de Normalización Lingüística. O xurado salientou o traballo da Coordinadora no só polo labor que está a facer como asociación, senón tamén porque exemplifica e aglutina os equipos de normalización lingüística de todo o país.

O xurado tamén decidiu por unanimidade que o premio ao traballo de xeito continuado ao longo de toda a súa traxectoria recaia na Aula Castelao de Filosofía. Esta asociación leva trinta anos a defender a lingua galega, tal e como recollen nos seus obxectivos fundacionais. A súa traxectoria estivo sempre fortemente implicada co compromiso activo coa nosa lingua e a nosa terra. Cada ano, a Aula fai posible que o galego sexa unha lingua normal na transmisión e no debate do pensamento científico máis actual.

Ademais, o xurado propón facer unha mención especial ás e aos profesionais que estiveron a traballar en todos os medios de comunicación en galego que pecharon no último ano como Vieiros, A Nosa Terra, Xornal Diario, Galicia Hoxe e A Peneira. As profesionais e os profesionais destes medios traballaron defendendo a lingua, a cultura e a información en galego. A extinción dos medios de comunicación na nosa lingua impídelles continuar co seu labor de compromiso co país e co galego.