Os 105 beneficiarios dos últimos itinerarios de formación do ILES comezan as prácticas en dúas semanas

69

O ILES, o programa municipal de formación e inserción laboral que se financia co Fondo Social Europeo, apura os seus últimos meses. As 105 persoas que participan nestes itinerarios personalizados de inserción laboral recibiron hoxe a visita da concelleira de Promoción Económica, Emprego e Turismo, Carlota Román.

Nun encontro cos alumnos/as, a concelleira explicou que o programa municipal tiña concluído o pasado mes de xuño, pero o Concello obtivo unha prórroga semestral da Unión Europea aproveitando os remanentes doutros municipios españois que non esgotaron as partidas previstas. Esta prórroga permitiu convocar sete novos itinerarios nas especialidades de Auxiliar de Xeriatría, Monitor de Natación Sincronizada, Monitor de Actividades Acuáticas para persoas dependentes, Atención especializada a enfermos de alzheimer, Atención á infancia, Camareiro/a de pisos e, finalmente, Atención sociosanitaria a persoas no domicilio.

Os cursos comezaron o pasado mes de setembro coa formación teórica. Cada curso ten unha capacidade de 15 persoas e unha duración de 365 horas, incluíndo a formación práctica, que comezará entre os días 6 e 13 do próximo mes de novembro.

Carlota Román lamentou que as políticas de recortes impiden apostar por máis programas deste tipo e supoñen un obstáculo para desenvolver políticas activas de emprego conxuntas entre todas as Administracións.

Subliñou que no caso do ILES o grao de inserción laboral oscila entre o 50% e o 65%. A concelleira aproveitou o acto para insistir na necesidade de formarse continuamente e animou a todos os participantes a esforzarse durante o período de prácticas, porque iso pode derivar na sinatura de contratos de traballo.

A responsable municipal volveu recalcar tamén o procedemento absolutamente transparente que segue a Concellería de Promoción Económica para a selección dos participantes neste tipo de programas, sempre a partir das listaxes remitidas polo Servizo Galego de Colocación.

A posta en marcha desta última prórroga de seis meses do programa ILES ten un custo total de 216.290 euros, dos que os fondos europeos achegaron 173.032 euros e o Concello os restantes 43.258 euros.

O orzamento total investido durante os tres anos e medio de ILES alcanza así os 1.579.419 euros. O 80% do programa está financiado polo Fondo Social Europeo e ao Concello correspondeulle unha achega do 20% restante.