Obras complementarias na rúa de Santa Clara para completar as escavacións arqueolóxicas

38

O Concello contratará de inmediato obras complementarias na rúa de Santa Clara, valoradas nuns 65.000 euros, para acometer a escavación do sector afectado pola aparición de restos arqueolóxicos supostamente relacionados co pavimento orixinal do Camiño Vello dos Arrieiros. O alcalde accidental e concelleiro de Urbanismo, Antón Louro, convocou hoxe unha xuntanza extraordinaria da Xunta de Goberno Local para facer posible a realización destes traballos.

As actuacións complementarias consisten na escavación mecánica de toda a área, seguida polo traballo de campo a cargo dun equipo de arqueólogos, que terán unha duración total de un mes e medio. Durante este prazo queda suspendido o prazo de execución outorgado á empresa contratista das obras de reurbanización integral de Santa Clara.

Despois de que os pasados 15 e 16 de xullo as obras sacaran á luz estes pavimentos pétreos de época moderna e algunhas pezas de cerámica medieval, a Concellería de Urbanismo informou ao servizo provincial de Patrimonio, que acordou escavar toda a área.

Antón Louro explica que estamos diante dunha oportunidade de coñecer mellor a historia da cidade. Non obstante, tamén é necesario actuar con rapidez para minimizar as molestias aos veciños e comerciantes.

O proxecto complementario ten un orzamento de 55.452,16 euros e consiste na escavación mecánica ata unha cota de 45 centímetros por enriba do nivel no que aparecen as estruturas. A partir de aí baixarase con escavación manual. Ao mesmo tempo, inclúense as partidas necesarias para a instalación de pasarelas metálicas de 1,80 centímetros para dar paso provisional aos veciños e acceso aos comercios. As pasarelas terán a robustez necesaria para permitir a carga e descarga para os locais que o precisen. O tempo máximo para estes traballos de escavación está estimado nun mes.

Por outra banda, a Xunta de Goberno Local aprobou a contratación da ampliación do control arqueolóxico cautelar co que se viña desenvolvendo a obra. Autorízase a contratación dun equipo de 5 arqueólogos, cun orzamento de 9.891,75 euros. O tempo estimado para os traballos arqueolóxicos será doutros 15 días.

Por outra banda, as obras da rúa de Santa Clara continúan con normalidade nos ámbitos que non están afectados polos achados arqueolóxicos, é dicir a praza de José Martí e no tramo situado entre o aparcamento de Froiz e un garaxe particular, que esta mesma mañá quedou pavimentado.