O Concello estuda unha gran actuación no ámbito de Otero Pedrayo

68

O Concello de Pontevedra está a proxectar unha gran actuación de transformación da zona sur, asociada ao desdobramento da avenida de Vigo, ao novo local social sur ou aos equipamentos proxectados. O concelleiro de obras, Luís Bará explicou que o Concello encargou a unha consultora experta en arquitectura e patrimonio un ante proxecto para a mellora do ámbito da rúa Otero Pedrayo e a súa contorna. Os obxectivos desta actuación son:

  1. Mellora da seguranza viaria, especialmente en todo o transcurso do Camiño Portugués onde hai distintos puntos negros.
  2. A mellora da accesibilidade, concretamente na rúa Gorgullón onde hai maiores problemas
  3. Mellora da mobilidade peonil e ciclista coa recuperación de camiños históricos e tradicionais.
  4. Mellora da calidade urbana
  5. Recuperación ambiental, patrimonial e paisaxística.

Dentro desa actuación, o Concello quere pór en marcha cinco proxectos no ámbito de Otero Pedrayo.

  1. Ampliación de beirarrúas en Otero Pedrayo co propósito de gañar espazos para os peóns, xa que na marxe dereita non hai beirarrúas. Esto implicará convertir a rúa nun vial de sentido único (aínda por definir), unha vez que entrase en funcionamento o novo desdobramento da avenida de Vigo.
  2. Mellorar a accesibilidade na rúa Gorgullón cun proxecto que o Concello xa ten bastante avanzado e que quere pór en marcha nesta anualidade, unha vez que rematen os traballos do colector. O proxecto melloraría a imaxe da primeira rúa urbana do Camiño de Santiago Portugués.
  3. Reordenación e mellora dos espazos diante das dúas estacións (tren e autobús), co propósito de mellorar a conexión entre as dúas estacións.
  4. Darlle continuidade á senda do Gafos entre a estación de autobuses e a Ponte do Couto, coa recuperación da ponte que forma parte da vía romana XIX. Este entorno atópase totamente abandonado.
  5. Pór en valor o ENIL do Gafos, na zona comprendida entre a rotonda do Marco, a vía do tren e a estrada do Marco. Estúdase como vía alternativa ao actual Camiño de Santiago, que sin ser o trazado orixinario, si discurre paralelo e melloraría a seguridade dos camiñantes e tamén resulta unha viaxe máis agradábel a través da natureza.

O concelleiro Luís Bará anunciou esta mañá que convocará unha xuntanza para a semana que vén, o martes ás 17.30 na Casa do Concello con Vaipolorío, a Asociación do Camiño de Santiago Portugués, Asociación de veciños Eduardo Pondal e San Cibrán de Tomeza para presentar estes ante proxectos e incorporarlles a súas suxestións.

A continuación pasaríanse aos técnicos municipais para que completasen os proxectos e debatiríase na comisión de Infraestruturas. O Concello pasaríaos á outras administracións competentes nos distintos ámbitos para solicitarlles colaboración para sacar adiante estas obras.