O concelleiro de Educación e o presidente da Fanpa entregan as medallas nunha clausura olímpica das ludotecas de verán

36

Un “evento olímpico” no que os rapaces empregáronse a fondo para emular aos seus heroes, serviu hoxe para clausurar as ludotecas de verán que organizou a Concellería de Educación coa colaboración da Federación de Asociacións e Nais (Fanpa-Pontevedra). O concelleiro, Agustín Fernández, e o presidente da federación, Alberto Pita, foron os encargados de entregar as “medallas” aos campións das "Ludolimpiadas".
A actividade, celebrada na sede do colexio de Campolongo, é unha máis das moitas que se teñen organizado ao longo destes dous meses de despregamento de ludotecas, nas que participaron 1.020  nenos/as. As ludotecas pechan definitivamente as portas ao longo desta semana para dar paso ao comezo do curso escolar.
O programa estivo dirixido a rapaces de entre 3 e 12 anos escolarizados e empadroados no municipio de Pontevedra, que gozaron deste servizo durante as catro quincenas comprendidas entre os meses de xullo e agosto. Proporciónase así ás familias unha fórmula axeitada de compaxinar a vida laboral e familiar durante os meses de vacacións escolares.
O programa municipal repartiuse entre as ludotecas urbanas, que se ofreceron este ano nos colexios Manuel Vidal Portela e Campolongo; a ludoteca de inmersión lingüística en Inglés, no colexio de Barcelos; a do colexio Fina Casalderrey (Monte Porreiro) e, finalmente, as dos colexios rurais de Vilaverde (Mourente), Cabanas (Salcedo), Ponte Sampaio e Santo André de Xeve.
Unha das principais novidades chegou este ano da man da ampliación do horario, para homologalo ao escolar: de 9 horas a 14 horas. En edicións anteriores comezaba e remataba media hora antes. O obxectivo, recalcou o concelleiro de Educación, era aproximármonos a unha conciliación efectiva, de xeito que os pais puideran gozar das vantaxes de dispor do mesmo horario que o resto do ano.
O programa incluíu un amplo abano de actividades  nas que se buscaba combinar diversión con educación ambiental, convivencia e valores. Os participantes na ludoteca en Inglés traballaron directamente a comunicación nesta lingua. No resto dos casos desenvolvéronse actividades en torno as temáticas xenéricas “Navegantes”, “Eureka”, “Aventureiros” e “Codia e miolo”. Baixo estes epígrafes agochábanse actividades de aprendizaxe de nós mariñeiros, obradoiro de disfraces e curtametraxes, de creación literaria, de investigación e máquinas imposibles, obradoiro de escavacións arqueolóxicas, de cociña, de horticultura e  práctica de deportes. Tamén se programaron programadas visitas, en función das quendas a unha panadería, á ruta dos muíños pola senda do Almofrei, ao parque dos sentidos de Marín, á Biblioteca pública, a unha imprenta, a Combarro e á cámara da fragata Numancia do museo de Pontevedra, entre outras.
Os prezos foron de 35 euros por quincena nas ludotecas urbanas e na de inmersión lingüística (21 euros para as familias numerosas). O prezo mensual nas ludotecas do rural foi de 25 euros (17 para familias numerosas). En canto aos servizos complementarios, o Madruga sen almorzo carrexou un desembolso por quenda de 22 euros sen almorzo. Con almorzo, 28 euros. O comedor tivo un custo por quenda de 42 euros.
O programa de ludotecas finánciase pola Concellería de Educación a través do convenio con Fanpa-Pontevedra, acordo que Agustín Fernández cualifica como moi satisfactorio, porque dá moita tranquilidade saber que hai xente tan seria traballando para que todo saia ben.