O biólogo Ramón Plana, primeiro experto que falará en Pontevedra da compostaxe

79

O experto biólogo Ramón Plana ofrecerá o vindeiro luns, 9 de febreiro, a partir das 20.00 horas unha conferencia sobre a compostaxe no Teatro Principal. É a primeira das conferencias organizadas polo Concello de Pontevedra para dar información á cidadanía en xeral sobre o proceso de compostaxe, os diferentes tipos de plantas, as vantaxes e desvantaxes deste tipo de procesos…
O concelleiro de Infraestruturas, César Mosquera explicou esta mañá que se chegou ao acordo coa Deputación de Pontevedra de iniciar este ciclo de conferencias para ir resolvendo a suposta falta de información que veñen reclamando diversos colectivos sociais sobre estes procesos de tratamento do lixo orgánico.
Será a Deputación a que dea a información concreta sobre a planta que se quere instalar nos terreos da comunidade de montes da Canicouva, unha vez que se remate o estudo de viabilidade que se está a realizar.
Para iniciar este ciclo de conferencias -que terá continuidade sempre que exista un aforo suficiente de público-, o Concello escolleu a un experto de primeiro nivel, formado en Galiza que traballa na actualidade en proxectos de Portugal, Sudamérica e no resto do Estado español. Ademais, Ramón Plana solicitoulle ao Concello a posibilidade de estar un par de días máis no concello para coñecer de primeira man os avances nesta planta.
O plantel do ciclo completarase con xestores, técnicos, e outros expertos vinculados a este mundo.

 

 

Ver documento PDF