Actualízate

22 de Agosto de 2019Pontevedra

Os edificios de máis de 50 anos ou con valores patrimoniais terán que realizar unha inspección técnica

11 de Novembro de 2014

O tenente de alcalde e concelleiro de Urbanismo, Antón Louro, presentou hoxe na Comisión de Urbanismo o borrador da nova Ordenanza Municipal reguladora do Informe de Avaliación dos Edificios. O texto, que está engarzado na Lei de Rehabilitación, Rexeneración e Renovación Urbanas (do pasado 26 de xuño), segue a liña de substituír a antiga Inspección Técnica dos Edificios polo Informe de Avaliación (que ademais da revisión técnica inclúe cuestións de Accesibilidade e Eficiencia Enerxética).

Louro entregou copia aos grupos políticos para que fagan as súas achegas de cara á próxima Comisión e manterá tamén contactos con colexios profesionais e asociacións veciñais para animar a estes colectivos a estudar a nova norma e presentar modificacións ou incorporacións.

Formamente é un texto estruturado en 5 capítulos, 20 artigos, tres disposicións, adicionais, unha transitoria, unha derrogatoria, dúas derradeiras e un anexo.

Queda obrigados a pasar o Informe de Avaliación dos Edificios (IAEd) os inmobles cunha antigüidade superior aos 50 anos, os edificios catalogados ou protexidos (o que inclúe todo o Centro Histórico) e calquera edificio, con independencia da súa antigüidade, que pretenda acollerse a axudas públicas para obras de conservación, accesibilidade ou eficiencia enerxética. Só quedan excluídos os inmobles que teñan declaración de ruína. Unha vez pasada a primeira inspección, as sucesivas deben acometerse cada 10 anos.

Créase un Rexistro que, ademais de xestionar os informes que se vaian emitindo, publicará na web do Concello e no taboleiro de edictos anualmente os edificios aos que lle toca pasar a revisión no ano en curso.

O tenente de alcalde explicou que resulta difícil estimar o número de edificios que terán que pasar a IAEd no primeiro prazo, pero, ao cruzar os datos co Instituto Nacional de Estatística, obtense unha cifra aproximada de 9.000, que son os inmobles pontevedreses construídos antes de 1963.

En todo caso, Antón Louro, subliñou que trátase dunha regulación municipal que ten por obxecto a preservación do parque inmobiliario construído, antes que a propia expansión da cidade. Recalcou ademais, que trátase dunha medida que terá efectos preventivos, ao contribuír a mellorar a seguridade para os veciños. Finalmente, remarcou que esta Ordenanza cambia tamén radicalmente o xeito de promover o Ornato nas edificacións.

A ordenanza introduce na súa disposición adicional primeira un calendario para ir acometendo, de xeito progresivo a revisión dos edificios:

  • Ata o remate do ano 2015 teñen que pasala os edificios cunha antigüidade superior aos 70 anos.
  • Ata o remate do ano 2016 os edificios de máis de 60 anos.
  • Ata o remate do ano 2017 os edificios de máis de 50 anos.

En canto aos edificios BIC, catalogados ou inventariados hai outros tres prazos:

  • Os anteriores a 1900 ata o remate de 2015.
  • Os anteriores a 1925 ata o remate de 2016
  • As edificacións rehabilitadas integralmente a partir de 1990 ata o remate de 2018.

Finalmente as naves industriais ou comerciais e todas as vivendas unifamiliares introdúcese un prazo único:

  • Con independencia da súa antigüidade ata o remate do ano 2018.

Están obrigados a realizar o IAEd os propietarios dos inmobles, para o que deberán contratar a técnico ou técnicos competentes. No caso dos edificios de vivenda colectiva as comunidades de veciños. Os informes abranguerán tamén aos locais comerciais situados en cada inmoble.

As inspeccións serán visuais, pero os técnicos que a realicen poderán ordenar probas complementarias en caso necesario se resulta insuficiente coa inspección visual. Tamén poderán realizarse catas, colocar testemuñas, probas de carga e mesmo desmontar elementos (en casos estritamente necesarios) como falsos teitos para supervisar posibles danos ocultos. Mesmo contémplase a posibilidade de instar medidas de seguridade provisionais. O resultado será unha ficha técnica do edificio, a partir do modelo aprobado polo Concello.

En todo caso, esíxese revisión da estrutura, cimentación, fachadas interiores e exteriores, medianeiras, cubertas e azoteas, redes xerais de electricidade, gas, fontanería e saneamento, estado dos elementos comúns e medidas de protección contra incendios.

As posibles deficiencias detectadas se cualificarán en leves, graves e moi graves en función do perigo que representen.

A maiores, as inspeccións avaliarán o cumprimento da normativa sobre Accesibilidade e poderán propoñer medidas correctoras. Adóptase o concepto de “Axuste razoable”, introducido pola lei estatal, que é aquel cunha repercusión que non exceda en 12 mensualidades a cota da comunidade. Finalmente, as revisións significarán a obtención do Certificado de Eficiencia Enerxética para todas as vivendas e locais comerciais do edificio.

A emisión dun informe negativo da pé á apertura dun prazo de dous meses para a corrección das deficiencias detectadas.

A non realización da Inspección e falta de presentación dos resultados diante do Rexistro Municipal dará lugar á apertura dun procedemento de Disciplina Urbanística leve. Darase un prazo de dous meses para corrixir esta circunstancia, sen prexuízo da iniciación de procedemento sancionador. En caso de que non se atenda o incumprimento pode chegarse tamén á Execución Forzosa ou Subsidiaria, co que o Concello correría coa realización do Informe de Avaliación do Edificio e repercutiría os gastos, xunto, no seu caso, coas posibles medidas de execución subsecuentes.

Resulta difícil calcular o número de inmobles que terán que realizar o Informe no primeiro prazo, pero, cruzando datos co Instituto Nacional de Estatística, estímase que serán uns 9.000, que son os construídos antes de 1963.

Pontevedra acolle 16 competicións de rango nacional ou internacional durante este ano
Pontevedra convértese no escaparate da oferta educativa de Galicia e de España coa celebración do salón Edugal
Pontevedra recolle en Dubai o premio da ONU pola súa transformación
O Concello mellorará a seguranza viaria nas inmediacións do colexio de Marcón
Victoria Martíns aborda as "Universitarias no franquismo" mañá na Casa das Campás
Volven as Andainas
Lores presenta en Dubai o modelo Pontevedra
Comezan obras de mantemento e reparación en diversas rúas do centro da cidade
Premios da XX Mostra da Parodia
Premios do Desfile do Entroido
A Xunqueira II acolle unha conferencia sobre os prexuízos lingüísticos de Marcos Maceiras
24 de Febreiro de 2015

[...]

Zafarrancho de limpeza na praza de Barcelos
24 de Febreiro de 2015

[...]

Zafarrancho de limpeza na avenida do Uruguai
27 de Xaneiro de 2015

[...]

Haberá máis información sobre a compostaxe nunhas xornadas técnicas
19 de Xaneiro de 2015

[...]

Procura por mes 
O máis buscado
Navegador

O Concello

Pontevédrate

Áreas

Pontevedra participa!

E máis

Hoxe é 22.08.2019 | contacto@pontevedra.eu | Páxina editada o 11.11.2014 polo Concello de Pontevedra.