Actualízate

20 de Xuño de 2019Pontevedra

A gastronomía de Pontevedra cautiva aos profesionais do turismo e a empresa en Madrid

02 de Febreiro de 2015

Un centenar de profesionais do Turismo, da Comunicación e directivos de varias empresas asistiron á gala de promoción de Pontevedra en Madrid, no marco da Feira Internacional de Turismo (Fitur). A cita, organizada pola concelleira Carlota Román, celebrouse durante a noite do pasado xoves na terraza do hotel ME Meliá.

A estratexia de singularizar a Pontevedra na gran feira do turismo centrouse, deste xeito, nun acto afastado da sobreoferta das naves do Instituto Feiral de Madrid (Ifema) e dirixido especificamente a prescriptores e profesionais dos distintos subsectores. Na terraza estiveron axencias de viaxes, empresas de asesoría turística, navieiras, directivos de grandes compañías, asociacións dedicadas á organización de feiras e congresos, asociacións dedicadas ao turismo de negocios e incentivos, hoteleiros, axencias de turismo rexionais e locais e diectivos do Spain Covention Bureau (a oficina da FEMP dedicada ao turismo de negocios). Pero tamén houbo xornalistas, especialistas en Redes Sociais e blogueiros de gastronomía e viaxes.

A gala estivo centrada ao redor do potencial gastronómico de Pontevedra. Os asistentes tiveron ocasión de degustar as tapas e cócteles gañadores do recente concurso PontedeTapas. A hostalería local estivo así representada por Xosé Cannas (restaurante Pepe Vieira), Iñaki Bretal (Loaira), Rubén González (El Cafetín), Juan José Barreiro (Taberna Zentola), Ángela Aldao (Casa Verdún), Carlos Vidal (Cáncamo), Rubén Paz (PTV) e Jacobo Barragáns (Central).

A calidade da proposta sorprendeu e mereceu varias felicitacións, ata o punto de que algúns dos hostaleiros pontevedreses recibiron posibles propostas de colaboracións comerciais.

Carlota Román fixo unha presentación de Pontevedra definíndoa como unha cidade “de mesa e mantel” e recalcou o potencial da hostalería local, como ben demostra o éxito do concurso PontedeTapas, que serviu máis de 40.000 racións na súa última edición. Os asistentes tiveron boa ocasión de comprobalo cos pratos e cócteles que se serviron a continuación.

A concelleira de Turismo falou da Capital das Rías Baixas como un enclave que está cerca de case todo en Galicia e que é un auténtico tesouro histórico, arquitectónico e natural. Situouna como epicentro do Camiño de Santiago e non esqueceu citar a súa tradición cultural e o potencial das súas festas, con alusión especial ao inminente Entroido co loro Ravachol como estandarte.

Aproveitando a presenza de profesionais da empresa e da comunicación enxalzou que Pontevedra consolidouse nestes últimos anos como cidade de feiras, congresos e xuntanzas de incentivos. A cercanía e comodidade do Pazo da Cultura e o Recinto Feiral explican boa parte desta traxectoria, engadiu. Finalmente, aludiu á creación da Pontevedra Film Commissión, que se está a traducir nas primeiras rodaxes de producións audiovisuais na cidade.

Xosé Cannas tomou brevemente a palabra para recalcar que a gastronomía de Pontevedra, como ao galega, é a mellor de España. Un dato que, explicou, ten que ver coa capacidade dos profesionais, pero, sobre todo, co feito de que en Galicia temos o mellor produto.

A gala gastronómica estivo acompañada dunha intensa actividade nas Redes Sociais, ata o punto de que a etiqueta #pontevedraenfitur foi unha das máis activas durante a xornada de onte xoves, cun case 3,8 millóns de impresións e unha audiencia de 505.000 persoas para os 576 tuits publicados.

O dato non sorprendeu a Carlota Román, pois a Concellería de Turismo de Pontevedra acompaña todas as súas accións de promoción dunha intensa presenza nas Redes Sociais a partir dun equipo multidisciplinar na que hai especialistas en viaxes, gastronomía e comunicación social.

Pontevedra acolle 16 competicións de rango nacional ou internacional durante este ano
Pontevedra convértese no escaparate da oferta educativa de Galicia e de España coa celebración do salón Edugal
Pontevedra recolle en Dubai o premio da ONU pola súa transformación
O Concello mellorará a seguranza viaria nas inmediacións do colexio de Marcón
Victoria Martíns aborda as "Universitarias no franquismo" mañá na Casa das Campás
Volven as Andainas
Lores presenta en Dubai o modelo Pontevedra
Comezan obras de mantemento e reparación en diversas rúas do centro da cidade
Premios da XX Mostra da Parodia
Premios do Desfile do Entroido
A Xunqueira II acolle unha conferencia sobre os prexuízos lingüísticos de Marcos Maceiras
24 de Febreiro de 2015

[...]

Zafarrancho de limpeza na praza de Barcelos
24 de Febreiro de 2015

[...]

Zafarrancho de limpeza na avenida do Uruguai
27 de Xaneiro de 2015

[...]

Haberá máis información sobre a compostaxe nunhas xornadas técnicas
19 de Xaneiro de 2015

[...]

Procura por mes 
O máis buscado
Navegador

O Concello

Pontevédrate

Áreas

Pontevedra participa!

E máis

Hoxe é 20.06.2019 | contacto@pontevedra.eu | Páxina editada o 02.02.2015 polo Concello de Pontevedra.