Veciños de Monte Porreiro atenderán dende hoxe a Horta urbana

65

Os concelleiros de Parques e Xardíns e o delegado do barrio de Monte Porreiro, Anxos Riveiro e Luís Bará, respectivamente asisten esta tarde, ás 19.00 horas no colexio Marcos da Portela, á entrega das chaves aos 17 veciños de Monte Porreiro que dende hoxe se farán cargo da horta urbana do barrio.

Trátase dunha novidade do proxecto da Horta Urbana que a Concellaría de Medio Ambiente vén poñendo en marcha no miradoiro de Monte Porreiro dende hai catro anos. Durante varios meses 450 nenos dos centros Fina Casalderrei, Marcos da Portela e Monte Porreiro cultivaron de xeito ecolóxico esta horta. Pementos, tomates, berenxenas… son algunhas das hortalizas que alí se plantaron e que agoran manterán veciños do propio barrio.

Os nenos remataron esta mañá as plantacións e o mantemento da horta (dado que tamén está a rematar o curso escolar), polo que o proxecto presenta como novidade abrir o mantemento da horte aos veciños do barrio, especialmente xubilados e desempregados.

En contacto coas ANPAs dos centros do barrio, adxudicáronse as 17 parcelas da horta urbana a outros tantos veciños que durante estes meses de verán manterán a horta e recollerán os froitos, empregando técnicas da agricultura ecolóxica. Unha vez rematado o proxecto, o Concello volverá a acondicionar o terreo para convocar a vindeira horta urbana.