Un libro rememora a traxectoria de Alejandro Sesmero, o arquitecto que modernizou Pontevedra

103

Os 11 anos que Alejandro Rodríguez-Sesmero pasou en Pontevedra (entre 1876 e 1887) significaron unha profunda transformación no urbanismo, na arquitectura e nos servizos públicos da cidade. Un periplo que queda recollido no libro que hoxe presentou o concelleiro de Urbanismo, Antón Louro, e que contou coa participación do catedrático de Historia da Universidade Complutense, Francisco José Portela Sandoval, do historiador Xosé Fortes, do arquitecto Enrique Barreiro e do xornalista Rafael López Torre.

“Sesmero, o arquitecto que modernizou Pontevedra” é un volume no que se recollen, con novas achegas, e unha redacción coidada as intervencións realizadas durante o ciclo que, con motivo do aniversario do pasamento de Sesmero, organizou a propia Concellería.

Durante a presentación debullouse a hipótese de que a turbulenta marcha do arquitecto Sesmero en 1887 puido deberse a unha vinganza de pontevedreses de alta posición social que se viron prexudicados nos seus intereses particulares por un técnico que expropiou moitas fincas para facer posible o espazo público estruturado ao redor da Alameda, os xardíns de Vincenti e as Palmeiras. Un técnico que, ademais, atreveuse a trazar novas rúas con anchos excesivos para a época e rebaixou as expectativas algúns propietarios.

Antón Louro falou de Sesmero como un arquitecto crucial para entender boa parte da mellor paisaxe de Pontevedra. Engadiu que estamos diante dun libro que supera moi claramente as expectativas e vai moito máis alá da típica publicación na que se reproducen as intervencións dun congreso ou ciclo de conferencias. “Un libro atractivo, ben maquetado, e mellor escrito, destacou; con magníficas achegas de Fortes e Barreiro, na que o amigo Barreiro atreveuse a facer un relato hipotético no que o propio Sesmero nos conta en primeira persoa os 11 anos que pasou en Pontevedra, dende a súa chegada como interino á súa tormentosa marcha á Arxentina, despois de que un concelleiro gris cuestionara a validez da súa titulación”.

Xosé Fortes lembrou que no seu volume “Pontevedra no espello do tempo” xa reivindicaba o nomeamento dunha rúa e unha placa na Casa do Concello para rememorar a un home que, ata hai ben pouco, era un descoñecido. Fortes indicou tamén que Pontevedra converteuse, gracias á visión de Sesmero, nun referente urbanístico do que debe ser unha cidade administrativa. Unha cidade, que hai xa 200 anos xa tiña un amplo espazo público ao redor do que se estruturaban os edificios que representaban o poder municipal, o provincial, o gubernamental e o militar.

Enrique Barreiro enxalzou as tres facetas de Sesmero como arquitecto, urbanista e renovador de servizos públicos. Como arquitecto figura como autor dos edificios do Concello, Deputación (xunto co seu pai, Domingo), Palacete das Mendoza, a actual Subdelegación de Defensa (anteriormente colexio público) e, por suposto, a Alameda. Como urbanista debémoslle o conxunto da Alameda, xardíns de Vincenti e das Palmeiras, as prazas de San Xosé e a Virxe do Camiño, a traza das rúas de Michelena e Riestra e as aliñacións que darían pé as rúas de saída cara as estradas de Ourense, Vigo e Santiago (especialmente a rúa do Progreso, hoxe Benito Corbal). Finalmente, puxo en marcha a primeira traída de augas (inclúe o depósito de pedra abovedado de San Amaro, as fontes de ferro coado e a fonte de pedra da praza do Peirao), a desaparecida Praza do Peixe e o cemiterio municipal de San Amaro.

Finalmente, Rafael López Torre explicou a súa achega para tratar de dar resposta ás incógnitas históricas sobre a marcha de Sesmero. Un traballo centrado na consulta das actas do Concello, nas que non queda claro como unha figura tan relevante foi despedida en só 15 días pola Corporación que tomou posesión en xullo de 1887. Un episodio aínda máis incomprensible cando, como recalcou Fortes Bouzán, “antes e despois de Sesmero abundou a mediocridade”.