Preto de 30 entidades e asociacións conseguirán que Pontevedra volva a gozar da Feira Franca

123

Ademais da ambientación medieval que día a día progresa no centro histórico de Pontevedra, todas as asociacións e entidades que participarán na Feira Franca están a ultimar as súas creacións, actividades, espectáculos… para animar e imbuir á cidade na astronomía no medievo, que é a temática da Feira na súa decimoquinta edición.
Serán arredor de 26 entidades e asociacións as que participarán nesta feira tanto na xornada do venres, 5 de setembro como do sábado, día 6. Música e danza medieval, exhibicións de esgrima e tiro con arco, de cetrería, confección de papel vexetal, obradoiros de escritura medieval, torneos medievais, obradoiros de astronomía, e moita animación de rúa con teatro, música, cantares de cego, cantigas de Alfonso X, entre outras son as ofertas para esta edición.
Para logar unha perfecta Feira Franca, é necesaria a participación e implicación de todas estas asociacións e entidades: asociación de Coros e Danzas Duos Pontes, as entidades de animación de rúa Kull D`sac e Troula, a Asociación cultural Pola Vila, a entidade Art Monium de animación de rúa, a Escola Hungaresa de Esgrima e a Mercenarios do Norte tamén de esgrima, a Asociación Tiro con Arco Boa Vila, a entidade Falcóns de Galicia de cetraría, o club de danza Treboada, a entidade Olodum do Coio de animación de rúa, Legend Especialistas encargados do torneo medieval, a entidade Foula de animación de rúa, o pasarrúas dos Errantes, a entidade ventos, a asociación recreativa de Xeve, a Asociación sociocultural de Meiro-Corvo (Bueu), a Asociación sociocultural Cedofeita, a Asociación veciñal Salcedo Norte, a Asociación de veciños San Bieito de Lérez, Asociación Alba, Asociación Sirio, Asociación Fins e Asociación Fieitiña.
Os Coros e danzas de Duos Pontes serán os encargados de facer os bailes medievais o día de inauguración da Feira Franca, o venres 5 de setembro, na praza do Teucro. Habilitarán unha taberna medieval ambientada na parte posterior da Casa do Concello con ambientación do espazo, animación de rúa, venda de produtos gastronómicos e cea medieval con espectáculo de danza e música.
As compañías Kull D`sac e Troula serán as encargadas do espectáculo inaugural que levará por título "Un ceo para mil culturas".
Na xornada do sábado participarán un gran número de entidades e asociacións dende as 11.30 horas que sae o transporte do viño, até as 23.00 horas cando está previsto o último espectáculo ou actuación da organización da Feira Franca.
Como vén sendo tradicional, a Asociación Recreativa de Xeve, xunto coa entidade Art Monium protagonizarán o transporte do viño dende Santa Clara até a Peregrina. Mercadores, labregos e arrieiros acompañados por animais, transportarán o viño e demais produtos. O grupo irá escoltado polos gardas do antigo couto de Xeve, encabezados polo señor do pazo de Gondar.
A avenida de Montero Ríos será o punto central de diversas exhibicións:
•  Demostración e obradoiros de esgrima da Escola Hungaresa
• Demostración de tiro con arco do Club Boa Vila. Competición de tiro con arco clásico, frechas, plumas naturais e hastas de madeira. Aberto á participación de todo o público que vaia vestido de época, na Gran Vía de Montero Ríos.
• Exhibición de Cetraría a cargo de Falcóns de Galicia
• Danza a cargo do Club Treboada
Tamén haberá exhibición de esgrima nas prazas de Curros Enríquez e da Ferraría por Mercenarios do Norte.
A praza de touros acollerá o tradicional torneo medieval a cargo de Legend Especialistas.
E diversas actividades de animación medieval durante da mañá á noite en todo o centro histórico a cargo de Olodum do Coio, Errantes e por Art Monium; de Foula que fará os cantares de cego; ou a animación teatral O Kamal misterioso. A Asociación cultural Pola Vila será a que recitará as Cantigas de Alfonso X e porá música medieval tamén por distintas rúas do centro histórico.

Ademais tamén terán moito protagonismo na Feira Franca:
• Asociación Sociocultural de Meiro-Corvo (Bueu). Recreación dun alpendre tradicional que contará cunha exposición de diferentes apeiros de labranza, así como de elementos típicos que se empregaban, recreación de varios obradoiros para todos os públicos: xogos populares, conservación de alimentos, cestaría, herbas aromáticas, etc, na praza da Ferraría.
• Asociación sociocultural Cedofeita. Celebrarase un obradoiro de confección de papel vexetal con materiais e métodos empregados de xeito tradicional; situado nos soportais do edificio do Museo, na rúa Sarmiento.
• Asociación veciñal Salcedo Norte. Ademais de celebraren un xantar e unha cea totalmente ambientadas realizarán xogos para os máis cativos, fomentando deste modo a participación activa na festa. Os xogos deste ano estarán vinculados á temática da festa. Estarán situados nos xardíns de Casto Sampedro.
• Asociación de veciños San Bieito de Lérez. Xantar e cea medieval acompañados de xogos tradicionais para nenos e nenas.
• Asociación Alba (asociación de familiares e amigos de enfermos psíquicos). Obradoiro de olaría, representación e recreación das actividades de amasado, torneado, secado, decorado e cocción, na praza da Ferraría.
• Asociación Sirio: obradoiro de astronomía medieval.
• Asociación Fins: obradoiro para nenas e nenos de astronomía medieval.
• Asociación A Fieitiña: obradoiro de palillado para nenos e adultos nos soportais da Pedreira.