Preocupación no Concello e na Mesa polo nulo uso da lingua galega no ensino

66

O concelleiro de Normalización Lingüística, Demetrio Gómez e a concelleira de Cultura, Anxos Riveiro mantiveron esta mañá unha reunión co presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceiras para abordar o resultado do último estudo presentado pola Mesa na que concluía que só o 2,42% dos centros de infantil das cidades declaran impartiren marioritariamente aulas en galego.
Tanto a Mesa como o Concello coincidiron na preocupación pola situación actual do galego en xeral, pero no ensino en particular. Atribúen esta situación ao deseño consciente da Xunta de Galiza de expulsar o galego de ensino como se pode traslucir das sucesivas actuacións do Goberno de Núñez Feijoo. Entre as primeiras cen medidas do Goberno actual estivo suprimir a obrigatoriedade do galego nas oposición para o ensino, ao que lle seguiu o decreto do ano 2010 “que busca a desaparición do galego das aulas, que é o que está a conseguir”, indicou Demetrio Gómez.
Ante esta situación, tanto a Mesa como o Concello colaborarán de cara ao primeiro trimestre do vindeiro curso escolar 2014/15 na elaboración de distintas actividades co profesorado para pór de manifesto a situación da lingua e procurar fomentar o seu uso no ensino.
De todos os xeitos, o Concello lembra que a única forma de cambiar esta situación é derogar o decreto do ano 2010 e pór en marcha o Plan de Normalización da Lingua galega aprobado por uninamidade do Parlamento e no que participaron máis de 900 expertos que achegaban solución a cada un dos ámbitos estudados.