Pontevedra organizará Expocidades no próximo mes de xullo, a feira do turismo do Eixo Atlántico

63

A Comisión Delegada de Turismo do Eixo Atlántico, reunida esta mañá na localidade portuguesa de Vila do Conde, acordou que Pontevedra acolla este ano a mostra do turismo das cidades deste órgano de cooperación transfronteriza, “Expocidades”.

A proposta presentada pola concelleira de Turismo, Carlota Román, foi aceptada pola comisión. Pontevedra sucederá así a Lugo e ocuparase da organización deste escaparate turístico ao que acoden anualmente uns 40 concellos e “cámaras” de ambos lados da “raia” para promocionar os seus recursos e atractivos.

A elección da Capital das Rías Baixas foi extraordinaria, pois é habitual que Expocidades alterne anualmente Galicia e Portugal. Non obstante, a coincidencia das Eleccións Municipais no ano 2015 xogou a favor dos intereses pontevedreses. Para ese ano, é moi probable a elección de Viana do Castelo.

A feira celebrarase entre o 4 e o 6 de xullo. Carlota Román ofertou o entorno da Alameda, ao obxecto de maximizar a asistencia de turistas á feira, que funcionará como un atractivo complementario do verán na cidade. Tamén puxo a disposición da Comisión Delegada do Eixo, para o caso de optasen por un espazo pechado, o primeiro andar da Praza de Abastos. A concelleira pontevedresa tamén anticipou a súa intención de facer pivotar este evento sobre a gastronomía, para o que baralla organizar algúns eventos complementarios. O programa definitivo pecharase nas próximas semanas.

Expocidades naceu como unha microfeira de turismo no seo da I Capital Cultural do Eixo Atlántico na cidade portuguesa de Vila Nova de Gaia. Despois do éxito obtido, o Eixo decidiu instituír este evento.

O Eixo Atlántico é unha asociación de municipios, creada en 1992, que agrupa a municipios galegos e portugueses decididos a desenvolver o seu traballo no ámbito da cooperación transfronteriza.