Pontevedra acolle este domingo a terceira edición da Concentración de Vehículos Clásicos

99

Os coches de época volverán ser protagonistas este domingo na cidade de Pontevedra. A Asociación de Amigos dos Vehículos Antigos de Pontevedra (club AVA) organiza a “III Concentración” co apoio das concellerías de Deportes e de Turismo.

Os actos foron presentados hoxe polo responsable municipal de Deportes, Agustín Fernández, e o presidente do club, Cristóbal Rivas.

A concentración, na praza de España, comezará ás 9.30 horas e permanecerá ata as 20.00 horas, ofrecendo así unha ampla franxa para poder gozar coa presenza de auténticas obras de arte xa imposibles de observar sobre o asfalto.

O concelleiro subliñou que será unha oportunidade de recuperar imaxes da nenez, pois este tipo de vehículos están asociados invariablemente a lembranza perdidas no tempo e aos vellos Seat que circulaban polas rúas de Pontevedra hai máis de medio século.

Este ano está confirmada a presenza de 72 coches, chegados de toda Galicia, entre os que haberá unha representación da industria automobilística dende o ano 1925 ata principios dos 80.

O máis antigo será un Renault n/n de 1925, pero tamén estarán os tres autobuses dos 50 da empresa Cuiña e un camión marca Bedford dos anos 40 da empresa Norte-Sur. Tamén estará unha ambulancia Seat 1500 pertencente á Cruz Vermella de Pontevedra.

Os organizadores destacaron que o certame vai madurando ano a ano. Tamén aumenta o número de participantes e a singularidade dos vehículos expostos. O club AVA seguirá a traballar para consolidar a proba pontevedresa como un referente no mundo do motor clásico na provincia de Pontevedra.