Pequenas suturas ao alcantarillado para eliminar residuos

49

Sete pequenas obras de condución de augas residuais para eliminar verquidos impropios aos ríos cumpriron hoxe o último trámite burocrático antes de que as máquinas comecen a falar. Así o destacou hoxe o voceiro do Goberno, Raimundo González, na comparecencia que habitualmente segue á Xunta de Goberno Local dos luns.

Trátase do plano de seguridade que toda obra require, o que lles permitirá a Aquagest comezar esta mesma semana a traballar. Son un conxunto de puntos nos que se detectaron problemas, normalmente debido a conexións realizadas indebidamente.

As obras terán lugar en Casimiro Gómez, A Seca, Pastor Díaz, zona do Náutico, Avda. de Marín (baixo a AP9), UNED de Monte Porreiro e Carrefour de San Brais. Neste último punto, as pluviais estaban conectadas á rede de fecais, polo que provocaba o desbordamento dos sistemas de depuración con augas que non o precisan.

 

O importe conxunto das obras ascende a 196.000 euros.