Os técnicos municipais comezan a traballar no proxecto para crear un gran espazo de lecer na nova cuberta sobre a vía do tren

58

O tenente de alcalde e concelleiro de Urbanismo, Antón Louro, vén de dar instrucións para que comece a redacción dun proxecto de acondicionamento do tramo da cuberta sobre a vía do tren comprendido entre a rúa de Joaquín Costa e a nova ponte de acceso á Parda e ao edificio dos xulgados. Así o anunciou hoxe durante unha visita á zona, acompañado dos técnicos municipais.

A xuízo de Antón Louro estamos diante da que debe ser unha das principais obras do Concello durante o próximo ano, polo que cómpre comezar a planificala para que, se é posible, poda comezar antes do remate deste exercizo.

O novo espazo urbano, cunha superficie de 4.600 metros cadrados, consta dunha lousa de formigón e dous espazos de terra laterais. A lousa do falso túnel sobre a vía férrea xa está rematada, unha vez que concluíu a impermeabilización da superficie, polo que se estima que a superficie será entregada de xeito inmediato ao Concello.

O deseño final debe contemplar áreas de lecer para maiores, pero tamén para mozos e rapaces. Non obstante, Louro anticipa que as obras deben incluír unha actuación paisaxística, a partir da creación dun parque con árbores de gran porte, para cubrir as medianeiras e traseiras dos edificios da rúa de Santa Teresa de Jesús Jornet. Preverase tamén o deseño das beirarrúas cara a Joaquín Costa e a avenida do 12 de novembro.

Louro adianta que o importe a investir dependerá do proxecto final, pero, en todo caso, partimos dunha previsión en torno ao medio millón de euros. Un investimento que se sumaría aos 250.458,62 euros que a Concellería de Urbanismo empregou no acondicionamento da nova praza de José Adrio Barreiro e os máis de 3 millóns de euros (obra que executará a futura concesionaria das instalacións) que a Concellería de Deportes prevé para a construción do Centro Lúdico-Deportivo da Parda.

De feito, o responsable municipal de Urbanismo entende que esta mellora funcionará como un complemento perfecto ás obras xa realizadas no primeiro tramo da pasarela de José Adrio Barreiro e ás previsións municipais para materializar o Centro Lúdico Deportivo da Parda. Crearíamos así un eixo de lecer para todos os pontevedreses que iría dende Loureiro Crespo ata a propia estación, explica. Unha oportunidade para “esponxar” a malla urbana na zona Leste, conclúe.

Antón Louro opina que a transformación acometida na pasarela de José Adrio supuxo mellorar a calidade de vida de toda a veciñanza e quere estender agora esa filosofía ao novo tramo. Ver o que era a pasarela, un espazo semidegradado e ver o que é hoxe: unha auténtica praza pública chea de vida e actividade, dá unha idea do que podemos acadar con este novo espazo que as obras do ferrocarril poñen ao noso dispor.