Os rapaces do colexio Cañada Blanch de Londres visitaron Pontevedra

39

O alcalde Miguel Anxo Fernández Lores recibiu esta mañá aos 120 rapaces dos CEIP de Lérez, Xeve, Parada-Campañó e Colexio Cañada Blanch de Londres que participaron no proxecto audiovisual Ponte a Londres. Desde o mes de xaneiro as distintas actividades deste programa impulsan o galego como lingua de comunicación entre o alumnado e axuda aos nenos e nenas de Pontevedra a valorar a lingua galega como lingua de comunicación ligada á Internet.
A xornada comezou ás 10 da mañá, no CEIP de Campañó. Ademais de ver o traballo audiovisual realizado durante os últimos meses, será a primeira vez que todos os estudantes que participan no proxecto se encontren en persoa, sen precisar dos encontros en liña. Todos os alumnos e alumnas verán e comentarán os vídeos creados nestes meses e intercambiarán as súas impresións.
Logo de ser recibidos polo alcalde, foron divididos en grupos para facer o roteiro Castelao e visitar o Centro de Interpretación das Torres Arcebispais.
A xornada de convivencia continuou cun xantar na Illa do Covo, ás 14 horas e, pola tarde, unha visita ao castro e ao museo de Santa Tegra e Combarro.
Ponte a Londres é unha iniciativa innovadora para dinamizar o uso da lingua galega a través de conversas e narración multimedia entre escolares de 5º e 6º de primaria dos CEIP Lérez (33 alumnos/as), Xeve (38 alumnos/as) e Campañó (13 alumnos/as de 6º); coa colaboración do colexio español Cañada Blanch de Londres.
Ponte a Londres é un proxecto de normalización lingüística e intercambio cultural virtual, construtivo e colaborativo arredor da lingua galega, onde rapaces de Pontevedra e Londres poden intercambiar e construír experiencias da vida cotiá no seu ámbito, así como coñecer outros xeitos de vida, tendo como elemento motivador a normalización da lingua galega.
Para acadar os obxectivos traballouse directamente cos rapaces e rapazas dos centros de Pontevedra e o de Londres; que ao longo de cinco meses participaron en:
1. Cinco sesións de hora e media de duración nos centros educativos en horario escolar, onde se traballou en galego cunha proposta clara: a dinamización do uso do galego partindo da divulgación cultural da realidade, amosando e divulgando o que se fai en Galiza nos diferentes ámbitos de maneira motivadora para o alumnado.
2. Un blog didáctico dirixido: https://pontealondres.eu/web/  Esta ferramenta foise enchendo de contidos que abranguen a divulgación de proxectos e propostas creativas galegas de tendencia; o proceso do proxecto a través da fotografía e vídeo; os contidos elaborados polo alumnado en diversos formatos e as conversas, reflexións e debates que poidan xurdir das tarefas presentadas.  O blog está a ser o elemento vertebrador de toda a acción educativa; axuda a establecer un diálogo continuo entre docente e alumnado, e entre o  alumnado de Pontevedra e Londres.
3. O seguimento en liña das actividades durante os meses de duración do proxecto empregando como ferramenta o correo electrónico, e o blog.
4. A elaboración dun documental que dá conta do proceso de todo o proxecto e a tarefa creativa do alumnado.
Todos os contidos están dirixidos e titorizados por persoal con experiencia na dinamización de colectivos.