Os rapaces de Pontevedra métense no pel dos enfermos de párkinson cunha actividade da Concellería de Educación

57

Sentir as dificultades que un enfermo de párkinson ten na súa vida diaria é a fórmula escollida para achegar aos nenos/as dos colexios de Pontevedra a este colectivo. Unha actividade organizada pola Concellería de Educación en colaboración coa Asociación Párkinson Galicia-Bueu pasou por algúns centros educativos de Educación Infantil e Primaria.

O concelleiro Agustín Fernández estivo esta mañá cos rapaces do colexio de San Bieito (Lérez) para participar no obradoiro que días atrás xa pasou pola Carballeira (Lourizán).

O obradoiro comezou cunha introdución e o reparto de libros de banda deseñada, para, a continuación, dividir aos rapaces en grupos para participar nas distintas actividades que simulan a rixidez muscular, a lentitude de movementos, as anomalías ao andar, a torpeza manipulativa, a perda da fala, os trastornos do equilibrio, visión alterada, inestabilidade e alteracións da marcha.

Para elo utilizáronse útiles como cobadeiras de neopreno, corsés, bolígrafos con resorte, pes de velcro, luvas de dedos gordos, máscaras anticomunicación, bastóns do mareo, gafas túnel, pelotas suízas, gomas para suxeitar os pes e un lapis suxeito cos beizos.

A xornada rematou cun debate sobre o impacto desta enfermidade e unha exposición sinxela do que se coñece sobre ela. Finalmente, entregáronse libros sobre o párkinson para a biblioteca do centro.