O viveiro de Campus Crea, na rúa da Barca

102

O Concello de Pontevedra foi esta mañá a sede da terceira reunión entre o Concello, a Universidade de Vigo, a Zona Franca e a Cámara de Comercio de Pontevedra para pór en marcha un "viveiro de empresas" vinculado co proxecto "Campus crea" no que está a traballar a Universidade de Vigo para potenciar as especialidades do campus pontevedrés. Á reunión desta mañá asistiron o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores, o concelleiro de Educación, Agustín Fernández, o reitor da Universidade, Salustiano Mato, a presidente da Zona Franca, Teresa Pedrosa e o presidente da Cámara de Comercio, Eduardo Barros.

Na reunión desta mañá avanzouse na búsqueda un espazo céntrico na cidade para situar este viveiro temático. O espazo máis axeitado é unha parcela de 122 metros cadrados situada na rúa Barca, que ten a posibilidade de crear un edificio de 850 metros cadrados habitados. Trátase dunha parcela que dá ao Campo do Boi e está situada ao carón da actual facultade de Belas Artes, en pleno corazón da cidade. Esta parcela está ao carón doutra de equipamento duns 8.000 metros cadrados que podería empregarse de cara ao futuro para poder complementar este nicho de empresas.

Segundo explicou o alcalde, no mes de setembro a Universidade de Vigo entregará un programa de necesidades que defina os espazos dese edificio (actividades que vai a ter…), e mentres a Cámara de Comercio xestionará ante a Fundación Incyde ao acceso aos fondos europeos cos que se construiría a grande parte do edificio. O 20% dos fondos restantes poderían ser achegados pola Zona Franca.

O Concello comprométese a encargar a redacción do proxecto e a sacalo a licitación, ademais de achegar o solar para a construción do edificio.

Segundo o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, poderían ser "clientes" deste viveiro alumnos en fase de redacción do proxecto fin de master, investigadores, para rematar convertindo o edificio nun viveiro de empresas vinculados ao Campus Crea (que potencia as Artes e o aspecto deportivo-sanitario), así como un centro de negocios ou a formación contínua para investigadores, entre outros ámbitos.