O taboleiro toma protagonismo en Pontevedra con Xadrez na Rúa mañá venres e o torneo PonteXadrez o sábado

84

O xadrez tomará a praza da Ferrería con dous eventos consecutivos organizados polo Club Escola Xadrez Pontevedra e que contan co patrocinio da Concellería de Deportes. O calendario foi presentado hoxe polo concelleiro Agustín Fernández; o presidente do club, Daniel Rivera, e o profesor e coordinador no colexio de Campolongo das Escolas Asociadas da Unesco e impulsor do Xadrez na Rúa, Antonio Ferrer.

O programa comeza mañá venres, a partir das 17 horas, coa sexta edición do Xadrez na Rúa, unha convocatoria pensada e dirixida aos rapaces que xogan habitualmente a este deporte-ciencia e estean dispostos a pasar unha tarde agradable ao redor dos taboleiros. O evento xurdiu como unha actividade dos colexios e acabou incorporándose como preludio do Torneo PonteXadrez para mellorar a organización e aproveitar a carpa que protexe aos participantes da choiva ou do sol.

O evento escolar pecharase coa entrega de medallas para todos os participantes e un sorteo de regalos ao remate.

A gran cita do xadrez será ao día seguinte, sábado día 20, a partir das 11 da mañá, coa celebración do V Torneo PonteXadrez, o maior torneo ao aire libre de España, e que o ano pasado acadou o seu récord coa participación de 402 xogadores chegados de de diversas partes do Noroeste peninsular.

Xogarase polo sistema suízo, a sete rondas con enfrontamentos elixidos por un programa informático. A competición divídese nas diferentes categorías de idade.

O torneo volve contar tamén co apoio da Concellería de Turismo, que ofrece unha visita guiada a xogadores e familiares polo Centro Histórico con saída da praza de España a partir das 16.15 horas. Unha actividade moi demandada e que constitúe un dos principais alicientes da xornada.

Tanto o Xadrez na Rúa como o PonteXadrez son eventos solidarios, unha vocación que xa o ano pasado permitiu achegar 500 Kg de alimentos ao comedor social de San Francisco. Este ano, atendendo ás peticións do comedor, recoméndase entregar embutidos envasados ao baleiro.

As inscricións para os dous eventos xestiónanse a través do enderezo electrónico escola@xadrezpontevedra.com e no teléfono 650645318.