O primeiro andar da Praza de Abastos acolle a Feira de Doces de Convento

45

A segunda edición da Feira de Doces de Convento quedou aberta hoxe, no primeiro andar da Praza de Abastos. Ata o próximo día 20 será posible adquirir preto dun cento referencias distintas das máis exquisitas mostras da repostería dos conventos de clausura de toda España.

A mostra foi inaugurada hoxe pola concelleira de Promoción Económica, Emprego e Turismo, Carlota Román, acompañada do párroco de San Bartolomé Raúl Lage, e representantes de Aempe e o Centro Comercial Urbano Zona Monumental.

A concelleira Carlota Román destacou o éxito do ano pasado. Unha experiencia, engadiu, que serviu para demostrar que a Praza de Abastos ten potencialidade para atraer público, tamén en horario vespertino. Daquela, as vendas achegáronse aos 7.000 euros con máis de 1.000 produtos vendidos e a feira chegou a padecer importantes aglomeracións de público, superando todas as expectativas.

Esta segunda Feira de Doces de Convento estará aberta en horario de 10.00 a 14.30 horas e de 17.00 a 20.00 horas. As ordes relixiosas participantes foron seleccionadas polo Arcebispado de Santiago e o ente “Expoconvento”.

A responsable municipal de Promoción Económica destacou que os prezos dos produtos son os fixados por cada convento. A inmensa maioría non teñen distribución comercial e só é posible adquirilos directamente nos recintos relixiosos. O máis caro son as xemas de San Leandro, a un prezo de 14 euros a caixa. O máis barato, as magdalenas das clarisas de Úbeda (Xaén), elaboradas co aceite das oliveiras do propio convento, que se poden adquirir a 4,50 euros.


 


 

A relación de participantes está formada por:

Benedictinas de Trasmañó (Redondela): doces variados.

Benedictinas de Cuntis: galletas e amendoados.

Dominicas de Viveiro: “Tarta Real” (parecida á de Santiago pero cuberta de améndoa fileteada).Turróns. “Amarguillos” (parecidos ao mazapán). “Cordiales” (recheos de cabelo de anxo).

Benedictinas de Santiago: Amendoados que se venden nunha caixa cun botafumeiro.

Dominicas de Santiago: “Belvises”: posiblemente as mellores pastas de té de Galicia.

Clarisas de Coín (Málaga): Turróns premiados co premio de innovación do Club do Gourmet. “Hugolinas” (un brownie con noces). “Tortas de Asís” (galletas con cabelo de anxo) e “Bocadiños de Améndoas e Piñóns”.

Clarisas de Estepa (Sevilla): Convento coa primeira pastelaría de España, dende 1599. Mantecados coa receta orixinal. “Pasteis de gloria” (mazapán con cidra).

Agustinas de Sevilla: Responsables das famosas “Xemas de San Leandro”. Presentación espectacular en caixa de madeira. Cada xema require 10 minutos de elaboración. Receita de 1763.

Clarisas de Úbeda (Xaén): Das mellores magdalenas de repostería monacal. Elaboradas con aceite autóctono.

Agustinas Fregenal (Badaxoz): Antiquísimas receitas do século XVII. Destacan as “Perrunillas” (pasta dura de améndoa).

Clarisas Vivar del Cid (Burgos): Elaboran doces dende o século XII. “Lágrimas del Destierro” (receita da época do Cid Campeador) e Turrón de guirlache.

Trinitarias de Quintanar de la Orden (Toledo): Excelentes figuras de mazapán.

Clarisas de Ávila: Famosas polos seus Turróns, de impecable presentación e calidade.

Clarisas de Alcalá de Guadaira (Sevilla): Expertas en Xemas. Tamén en “Corazones de Obispo”, amendoados moi valorados. Venden habitualmente no club do gourmet dunha gran cadea de distribución.

Clarisas de Ronda (Málaga): As Barras de Mazapán teñen gran sona. O batido da masa faise polo ritual do “rezo” e non por tempo.

Clarisas de Astudillo (Palencia): Destacan as súas Trufas.

Clarisas de Valladolid: Coñecidas polos seus “Sobaos”.

As novidades deste ano son:

Salesas de Lugo: Cocadas, bolos de limón, panecillos do cortijo, galletas de monasterio.

Madre de Dios (Sevilla): Avemarías, “naranjines”, bocados de améndoa, dátiles de mazapán e magdalenas.

As tres novidades deste ano son:

Clarisas de A Coruña: Cocadas e pastas de Santa Bárbara.

Carmelitas de Loeches (Madrid): marmeladas (mazá a menta, entre elas).

Jerónimas de Morón da Fronteira (Sevilla): doces variados. Dáse a circunstancia de que sufriron o ano pasado o incendio do seu obrador, polo que están a recuperar a actividade.