O Medio Maratón de Pontevedra bate o seu récord de participación estreando novo circuíto

69

Un total de 1.636 corredores/as participarán na XIX edición do Medio Maratón de Pontevedra, que se celebra este domingo, día 19, a partir das 11 horas. A proba, unha das máis importantes do calendario deportivo local, chega este ano cargada de novidades, entre as que destaca o cambio do circuíto.

O concelleiro de Deportes, Agustín Fernández, xunto cos directivos da “Sociedad Gimnástica” Ramón Touza, Juan Romero e Pablo Díaz (director técnico da proba) presentaron hoxe a cita deportiva máis popular.

O cambio do percorrido (que mantén as dúas voltas) debeuse á necesidade de facer máis fluída unha saída que anteriormente quedaba un tanto escasa en dirección a Monte Porreiro. A nova liña de saída estará sobre a ponte dos tirantes e a carreira sairá en dirección inversa. O máis destacado é o cambio no sentido das pendentes, posto que agora súbese pola rúa Real e báixase por Arcebispo Malvar. A dureza é, polo tanto, similar, aínda que Pablo Díaz opina que pode que sexa mesmo algo máis rápido.

O concelleiro de Deportes destacou que a inscrición crecen en 101 persoas sobre o ano anterior. A organización estima que, gracias a este cambio de percorrido, é posible chegar a preto dos 2.000 participantes, pero non é recomendable subir desa cifra para manter a calidade organizativa.

Por outra banda, Juan Romero significou que o Medio Maratón de Pontevedra é unha proba que conta cun 60% de participación local. De feito, explicou, hai xente que só corre en todo o ano esta carreira e a San Silvestre. Isto é un atractivo engadido e un activo que cómpre coidar, enxalzou.

Para incentivar a participación tamén se mantén a clasificación por equipos de tres persoas (con representación dos dous sexos) que farán os 21.097 metros a relevos.

Agustín Fernández explicou que co Medio Maratón péchase o Circuíto de Carreiras Populares deste ano, aínda que nos próximos meses, coa celebración da gala de entrega de trofeos, tocará poñer o remate final.

Outro punto destacado será a presenza de corredores guías, identificados con globos, para marcar ritmos dende os 4 minutos e 30 segundos o Km ata os 5 minutos e 30 segundos o Km. Tamén haberá unha bicicleta marcando o ritmo do peche do control (fixado en dúas horas e 25 minutos) para que todo o mundo teña a posibilidade de dosificar axeitadamente as forzas.

Agustín Fernández agradeceu o traballo da Sociedad Gimnástica e tamén dos máis de 150 voluntarios que facilitarán o desenvolvemento da carreira, pertencentes á propia Gimnástica, Facultade de Fisioterapia, Cruz Vermella, Brilat, Escola Naval Militar,Centro Penitenciario de A Lama, Protección Civil e Asociación Oficina do Voluntariado de Pontevedra.

Por outra banda, remarcou que o Medio Maratón de Pontevedra mantén á liña política de que as persoas paradas podan participar gratuitamente nas carreiras que integran o CCCP. Uns 150 corredores/as verán así devolto o importe da inscrición.

Finalmente adiantou que o obsequio a todos os participantes será unha funcional mochila e agradeceu a colaboración dos patrocinadores.