O Concello volve colaborar co Certame de relato curto da Fampa

78

A Concellaría de Normalización Lingüística volve a apoiar o Certame de relato curto convocado pola Federación provincial de ANPA de centros públicos de Pontevedra (Fanpa), que este ano chega á súa terceira edición. O Concello colabora cunha achega de 800 euros dos premios, para libros e material escolar.
O certame está aberto á participación do alumnado dos centros públicos da provincia de Pontevedra de primaria, secundaria, bacharelato e formación profesional. Tamén poderán concurrir adultos que convivan cos alumnos ou teñan algún fillo en Educación Infantil. O prazo para o envío dos textos remata o 28 de febreiro.
Os relatos -escritos en lingua galega- deberán ser orixinais, inéditos, non premiados noutros certames e de temática libre. A extensión non poderá ser inferior ás 200 palabras nin superior ás 300. O enderezo de correo electrónico para o envío das obras é certame.relatocurto@nontedurmas.org.
Haberá catro categorías: primaria, secundaria, bacharelato e adultos. Entre os relatos recibidos, o xurado seleccionará unha serie de finalistas (até un máximo de 100), dos que se designarán os catro gañadores, un por cada sección.
Os premios para cada categoría consisten nun vale de 200 euros, un lote de libros de Kalandraka, un xogo e unha lámina autenticada polo ilustrador Marc Taeger, que é o autor da imaxe do certame. As persoas gañadoras e as finalistas recibirán un libro colectivo -deseñado e producido por Kalandraka- cos seus textos, que se incluirán un relato dun escritor profesional. Ademais os relatos elixidos polo xurado publicaranse no Diario de Pontevedra.
O  obxectivo desta iniciativa da Fampa de Pontevedra é formentar a creatividade no alumnado, potenciar a expresión e a comprensión escrita, estimular o uso do galego  nas familias, facilitar as posibilidades de publicación a novos creadores, apoiar os escritores noveis e afeccionados, así como crear un espazo común e familiar para a creación literaria.
Ademais do Concello de Pontevedra colaboran neste certame a Deputación provincial, Gadis, Diario de Pontevedra, Mensavedra e Kalandraka.
As bases pódense consultar en www.nontedurmas.org

Ver documento PDF