O Concello pedirá a Fomento crear unha vía verde entre Arcade e Pontevedra

45

O Concello de Pontevedra solicitará ao Ministerio de Fomento a transformación en vía verde da antiga vía férrea entre Arcade e Pontevedra. O anuncio fíxoo hoxe o concelleiro Luís Bará, logo de facer unha valoración e resumo da situación das obras do Tren do Eixo Atlántico ao seu paso polo concello.
Cabe lembrar que actualmente, a antiga vía férrea entre Arcade, á altura da ponte sobre o río Verdugo, e a estación de Pontevedra deixou de ter uso para o transporte ferroviario de pasaxeiros e mercadorías. Concretamente, o treito entre Arcade e Figueirido comeza a presentar un estado de abandono e nalgúns puntos comeza a ser invadido pola maleza.
A transformación desta antiga vía nunha senda verde para uso peonil e ciclista permitiría crear unha nova infraestutura de aproximadamente 10 km, aproveitando o trazado da vía férrea agora en desuso. No caso do treito entre Arcade e Figueirido, o aproveitamento do antigo trazado sería doado xa que discorre completamente separado do novo trazado do TAV. No caso do treito Figueirido-Pontevedra caben dúas opcións: transformar en vía verde a antiga vía férrea, ou aproveitar as vías de servizo paralelas ao trazado actual. Conseguiríase así unha nova infraestrutura con grandes potencialidades para:
• a mobilidade ciclista entre Arcade e Pontevedra, como alternativa segura, saudábel e sustentábel á do tráfico a motor; co desdobramento da avda de Vigo permitiría chegar desde Arcade até o parque de Campolongo nun percorrido duns 10 km.
• o uso recriativo pola posibilidade de conectar con unha senda peonil a cidade de Pontevedra, o ENIL do río dos Gafos-Tomeza, as salinas de Vilaboa, a illa da Insuiña, Ponte Sampaio e o paseo marítimo de Arcade.
• O uso turístico dunha vía verde de 10 km cun trazado paralelo ao camiño portugués a Compostela e que segue en grande parte do seu percorrido a traza da Vía Romana XIX.
A tranformación da vía férrea en vía verde tería un custo non moi elevado e un impacto moi positivo para a mobilidade e para a promoción turística da comarca, pola beleza e interese dos espazos culturais e naturais que atravesa e cos que sería necesario conectala:
1. ENIL do río dos Gafos-Tomeza
2. Vía Romana XIX e Camiño Portugués
3. Salinas de Vilaboa e CEPA da Enseada de San Simón
4. Illa da Insuiña ou de Medal en Ponte Sampaio e Ponte Medieval de Ponte Sampaio
5. Pontes do Ferrocarril entre Arcade e Ponte Sampaio, fábrica da Pontesa, Illa do Castelo de Ponte Sampaio…
A previsión do concello de Pontevedra é dirixirse ao Ministerio de Fomento para que este treito da vía sexa desafectado do uso ferroviario e se destine a vía verde.
Pola súa parte, o alcalde de Pontevedra ten previsto dirixirse persoalmente á Ministra Ana Pastor para interesarse por este proxecto.
Desde o concello tamén se fixeron xa xestións ante a Deputación de Pontevedra para o acondicionamento da antiga ponte do ferrocarril sobre o río Verdugo, xa que a infraestrutura une dous concellos e polo tanto estaría xustificada a intervención da Deputación.

Situación das obras

O concelleiro tamén fixo balance do estado das obras do AVE ao seu paso pola cidade que rematarán en breve. De feito, está previsto que esta mesma semana rematen os traballos na estación, onde están retirando os acopios que estaban nos terreos do complexo lúdico deportivo da Parda.

A vindeira semana asfaltarase a rúa Entrevías e mañá, 30 de xullo, comeza a pavimentación de Otero Pedrayo.

Ao respecto dos falsos túneles que deixan 6.000 metros cadrados de espazos públicos e zonas verdes para a cidade, tamén serán cedidos ao Concello. En Doce de novembro, teranse que facer beirarrúas e pasos de peóns, de feito mentres non se recepciona pediráselle a Fomento que retranquee o valado para mellorar a seguridade peonil na zona.

Na pasarela da Seca, tamén se urbanizará coa construción de beirarrúas e mellorar as pendentes entre a ponte e as rúas.

En Médico Ballina, o concelleiro e a delegada da parroquia de Lérez, Pilar Comesaña, manteñen esta tarde unha reunión cos veciños para informar da próximo pavimentación dun vial de servizo así como da instalación de pantallas antiruídos.

Estanse facendo traballos de recuperación da senda da marxe dereita do río Lérez, que se completará coa cesión da ponte de Monte Porreiro.