O Concello contrata a reforma integral da avenida de Compostela

42

O Concello abordará nos vindeiros meses -"e antes do verán", segundo anunciou o concelleiro Luís Bará, delegado da área urbana do municipio- a mellora da seguranza viaria, da accesibilidade e da mobilidade na avenida de Compostela. 

O concelleiro informou esta mañá que o Concello encargou á consultora Pettra o proxecto de reforma integral da avenida de Compostela, así como das rúas próximas como Rafael Areses. O obxectivo é mellorar a mobilidade na zona, especialmente a peonil e a ciclista, dado que a avenida de Compostela, neste momento, ten o aspecto e funciona como unha vía de alta capacidade e de alta velocidade ás portas da cidade. Tamén buscará mellorar a accesibilidade e a seguranza viaria.

Con carácter de urxencia acometerase a instalación de catro pasos de peóns elevados (a maiores do que xa existe). Estarán na rotonda da ponte de Santiago coa avenida de Bos Aires; no remate da ponte de Santiago, antes de chegar á seguinte rotonda; antes de chegar á última rotonda da avenida; así como baixo a ponte peonil, que polo de agora non se derribará polo seu elevado custe.

O proxecto global poderá superar os 500.000 euros, pero por cuestións orzamentarias acometerase as actuacións máis urxentes -"tal vez as máis urxentes que teña o Goberno sobre a mesa", dixo Bará- como son, cando menos, os dous pasos de peóns elevados sobre a ponte de Santiago.

Este tramo da avenida de Compostela, até o de agora de titularidade do Ministerio de Fomento, foi entregado ao Concello recentemente, aínda que está pendente da recepción definitiva, trámites que se solverán neste período de redacción do proxecto.

Desdobramento da avenida de Vigo

Por outro lado, o concelleiro Luís Bará anunciou que manterá unha reunión cos veciños do ámbito da avenida de Vigo o vindeiro 7 de abril, para presentar as solucións presentadas polas empresas que concurran ao proxecto de desdobramento da avenida de Vigo, que se coñecerá o vindeiro 2 de abril.

Obras

Tamén indicou que xa está aberto o estacionamento gratuíto de Pasarón, e se acometen arranxos nas rúas Ferreiros e Colón, que continuarán por Xofre de Tenorio, Xan Guillerme e A Barca. Xa rematou a actuación no ámbito de Fernando II, que está pendente de pintar, e volverase a tratar o cruzamento de Benito Corbal con Daniel de la Sota e Cobián Roffignac "xa que o resultado non foi o esperado, polo que está previsto facer un novo arranxo e unha nova pavimentación sen custe algún para o Concello", explicou Luís Bará quen adiantou que a empresa agarda á mellora do tempo.