O Concello aprobará uns Orzamentos para 2015 cunha suba dun 5% e nos que os investimentos crecen preto do 45%

88

Os Orzamentos municipais para 2015 alcanzarán os 69,5 millóns de euros (un 5,2% máis que o anterior) e terán un forte acento social, sen esquecer a dinamización da cidade de Pontevedra tanto con investimento directo en obras como coa organización de eventos deportivos, culturais, feirais e congresuais.

O alcalde, Miguel Anxo Fenrández Lores, e o tenente de alcalde, Antón Louro Goyanes, anunciaron hoxe o acordo político alcanzado entre os grupos municipais do BNG e do PSdeG-PSOE para a aprobación das Contas. O borrador está xa en mans dos técnicos municipais e nos próximos días será entregado á Oposición, coa intención de aprobalo antes de que remate o ano.

A partida máis significativa dos Orzamentos é a de Investimentos reais, que crece un 44,4% para chegar aos 11.2 millóns de euros.

Son os mellores Orzamentos posibles tendo en conta o marco normativo sobre o teito de gasto e estabilidade financeira, destacou o alcalde Fernández Lores, quen recalcou que, de non ser por estas limitacións, o Goberno local apostaría por un documento aínda máis expansivo, aproveitando o baixo endebedamento municipal.

Antón Louro subliñou que estamos diante duns Orzamentos “froito da responsabilidade”, porque “son o feito máis relevante do ano nunha institución pública” e, de non aprobalos, habería serias dificultades para inxectar eses 11 millóns de euros na dinamización da economía local.

As Contas municipais para 2015 prevén unha partida de 20,1 millóns de euros para gastos de Persoal, 29,7 millóns para Gastos Correntes e inclúen unha operación de crédito de 2.885.496,14 euros, destinada a reforzar a potencia investidora do Concello.

O alcalde tamén destacou a forte aposta polo rural. Pola súa banda, Antón Louro centrouse no crecemento das partidas destinadas á formación e inserción laboral, como o Plan de Emprego, que pasa de 150.000 a 200.000 euros.

Os Orzamentos 2015 inclúen investimentos para obras no centro urbano e nas parroquias, unha partida de medio millón de euros para a substitución integral da cuberta do Pavillón Municipal dos Deportes e tamén as achegas para os convenios para o abastecemento de auga a Pontevedra e a súa ría e para a construción do acceso á Cidade Infantil Príncipe Felipe (ronda urbana).

Finalmente, os dous socios de Goberno remarcaron que, ademais das grandes partidas contempladas no capítulo de Investimentos, os Orzamentos “agochan” tamén importantes reservas económicas no capítulo de Gasto Corrente destinadas a alimentar a estratexia municipal de organización de eventos deportivos, feirais e congresuais.