O arranxo da avenida de Marín, antes de rematar o ano

77

Os traballos de arranxo da Avda de Marín avanzan a bo ritmo e sen grandes afeccións do tráfico, como puido comprobar esta mañá o concelleiro de obras urbanas, Luís Bará. O proxecto ten un orzamento de 125.000 euros e están financiadas con cargo ao aval depositado pola empresa, polo que non teñen custo económico para o Concello.
Cómpre lembrar que as obras de reforma da Avda de Marín remataron na primavera do ano 2011 e tiñan un período de garantía de dous anos. Antes de rematado este prazo, os técnicos municipais constataron a existencia de diversas deficiencias e instaron á empresa construtora, Hidroscivil, a que as corrixira. Como en 2013 a empresa entrou en concurso de acreedores, houbo que executar o aval depositado como garantía, por valor de 126.000 euros. E a partir de aí procedeuse á contratación das obras que consisten en:
• Reparacións parciais ou totais dos pasos de peóns elevados, principalmente os do carril único de saída cara a Marín, que eran os máis deteriorados.
• Reparación de aglomerado asfáltico en zonas en mal estado.
• Mellora de acceso á explanada de Mollavao (Circos) e recollida de pluviais
• Reposición de lastro, madeira e lousa no paseo peonil e no carril bici.
O prazo de execución das obras é de tres meses, polo que se prevé que rematen antes das festas do Nadal. Grazas á coordenación da Policía Local, os traballos estanse realizando coa mínima afección do tráfico. De feito, o corte do carril único de saída desenvolveuse con certa normalidade, sen grandes problemas en canto á circulación de vehículos.
Actualmente os traballos céntranse nos pasos de peóns situados entre a rotonda de Manuel de Palacio e a desembocadura do Gafos. O feito de que se minimice a afección ao tráfico fai que as obras se desenvolvan máis lentamente. Así e todo e tendo en conta o mal tempo, avanzan a bo ritmo e prevese que rematen antes das festas. E de non ser así, terían que suspenderse até despois de Reis.
Desta maneira, o paseo do borde do mar, os pasos peonís e a calzada recuperán o seu mellor aspecto nunha zona que experimentou unha transformación moi positiva nos últimos anos e que é moi utilizada por paseantes, deportistas, ciclistas…
Avenida de Compostela
O concelleiro de obras urbanas, Luís Bará visitou esta mañá o estado das obras da avenida de Compostela, que tamén avanzan a bo ritmo. O luns comezará a construción do paso elevado entre Rafael Areses e a propia avenida. Farase gradualmente, primeiro entre nos carrís de tráfico máis próximos ás beirarrúas, e a continuación nos dous carrís do centro da avenida.
Para executar o paso de peóns, a Policía Local dende o luns, 1 de decembro, até o vindeiro 12 de decembro, pechará un carril en cada sentido na Ponte de Santiago, a esa altura. E en función das intensidades circulatorias e co propósito de manter a fluidez da circulación rodada pódense producir desvíos puntuais cara outras pontes próximas.