Nathalie Leclerc: O modelo de Pontevedra debe ser compartido polo maior número de cidades posible

90

"Todas as cidades europeas deben ser accesibles o un de xaneiro de 2015. Pontevedra xa o é". Así de claro falaba esta mañá Nathalie Leclerc, presidenta de Intermodes, de visita en Pontevedra xunto a unha delegación deste organismo vinculado á Unión Europea que aposta pola intermodalidade dentro das cidades e entre elas. "Vimos acompañados da prensa para visitar Pontevedra porque consideramos que o modelo desenvolvido en Pontevedra debe ser compartido polo maior número de cidades posible".

"Hai cidades e representantes políticos en Europa que din que imos facer as cousas como en Pontevedra. Todas as cidades europeas deben ser accesibles o 1 de xaneiro de 2015. E Pontevedra xa o é", explicou Nathalie Leclerc, quen lembrou que hai uns anos cando unha persoa chegaba aos 18 anos a súa prioridade era obter o carnet de conducir, "agora xa non é así porque hai outros medios para desprazarse que non sexa só o seu propio coche. As cidades avanzan moito, cara un mundo no que non se precisa ser propietario. E esa non é unha idea de esquerdas ou de dereitas. E as crisas favorecen estas evolucións".