Máis de 140 persoas inscribíronse no concurso de decoración de balcóns no Centro Histórico

60

A primeira edición do Concurso de Decoración de Fachadas e Balcóns no Centro Histórico de Pontevedra conta xa, a piques de pecharse o prazo de inscrición, coa participación de máis de 140 veciños desta contorna que se teñen anotado durante o prazo habilitado pola Concellería de Promoción Económica, Emprego e Turismo.

O evento, impulsado pola concelleira Carlota Román, comezará o próximo luns e rematará o 14 de setembro, é dicir, con posterioridade á Feira Franca. Está dirixido a todos os veciños/as ou comerciantes titulares de balcóns, fachadas ou fiestras visibles dende a vía pública e que cumpran coa normativa en materia de conservación e seguridade.

Á convocatoria sumáronse tamén, fóra de concurso, dez institucións, entre as que están o Consello Regulador das Rías Baixas, o colexio San Xosé, o Arquivo da Deputación, a Delegación do Ministerio de Economía e Facenda, a Casa das Campás (Uvigo), a empresa pública de servizos agrarios da Xunta (Seaga), UXT e o Casino Mercantil e Industrial.

A Concellería de Promoción Económica conta coa colaboración do Centro Comercial Urbano Zona Monumental, a Federación Provincial de Empresarios de Hostalería, Aempe e as asociacións de veciños Santa María e Boa Vila.

Este sábado, 14 de xuño, celebrarase na Casa da Luz en horario de 10 a 13 horas, un curso de formación sobre composición floral e coidado das plantas. Tamén entregaranse un total de 1.000 plantas de tipo surfinias e xeranios colgantes. Cada persoa inscrita no concurso recibirá un máximo de sete plantas. Poden recollerse na mesma Casa da Luz entre as 9.30 e as 13.30 horas deste sábado.

O xurado, presidido por Carlota Román, decidirá os gañadores despois de senllas visitas de valoración, que se realizarán o 2 de xullo e durante a segunda semana de setembro. A intención é valorar o mantemento dos espazos durante todo o verán. O xurado avaliará especialmente a disposición de flores e plantas localizadas en maceteiros, o equilibrio no crecemento das plantas, a combinación cromática, a orixinalidade da composición e impacto visual na fachada do inmoble, dimensións e elementos de calidade ornamental.

O primeiro premio está dotado con 600 euros, o segundo con 400 euros e o terceiro con 300 euros.