Lores expón en Aveiro Que cidades queremos. Que cidades facemos

80

O alcalde Miguel Anxo Fernández Lores participou esta mañá na conferencia O peatón e a cidade que se celebrou en Aveiro e que promoveu a Universidade de Aveiro. Pontevedra asistía a este encontro como un caso de referencia en Europa de Mobilidade centrada nos peóns.
A intervención do alcalde neste encontro levou o título “Que cidades queremos. Que cidades facemos” e explicou que “o noso exemplo é o de centos de miles de espazos urbanos que ao longo de toda Europa, e o mundo, poden transformarse en lugares máis útiles para a cidadanía, máis agradables para desenvolver a vida de millóns de persoas”. 
“Estou seguro de que a nosa experiencia pode aportarlles algunha pista conceptual sobre como organizar unha mobilidade sustentable que recupere ese medio de transporte consustancial ao ser humano: o seu propio corpo, a súa propia capacidade de trasladarse, o costume de andar a pé.
Recuperemos a semántica.  A cidade accesible, a cidade sustentable, a cidade amable, a cidade humana, a cidade para as persoas, a cidade ecolóxica… todos estes conceptos precisan accións efectivas. Non abonda con poñer algunhas rampas ou peonalizar un par de rúas. Debe existir un proxecto global de funcionamento de toda a cidade e de cada espazo, en virtude das características históricas, xeográficas, sociais e económicas de cada espazo concreto. 
Se melloramos a cidade para as persoas que teñen máis dificultades, estaremos mellorándoa para todos os demáis.  As políticas de accesibilidade deben ser horizontais e completas, convertirse en inspiradoras de toda a transformación urbana: plataformas únicas, pasos sobreelevados, rampas, deseño plano e o menor número de obstáculos posible. 
A cidade dos nenos. “Desculpen, estamos xogando para vostedes”.  Espazos amables e seguros para a vida infantil, a educación, a socialización e a integración dos máis pequenos. Unha infancia feliz, nos que non se fagan precisos lugares segregados, apartados e hiperprotexidos para a infancia. Promovemos que os nenos e nenas xoguen nas rúas, que vaian sos ao colexio, que perciban a cidade como un espazo propio no que non teñen que defenderse de ningún perigo, que a identifiquen como a súa propia casa.   Un espazo que os integra e os ten en conta, que non os reclúe en gaiolas urbanas, que non os ten que protexer demasiado, porque son eles os protagonistas das dinámicas urbanas. 
Só os coches necesarios. A circulación de automóbiles a motor ten que racionalizarse e calmarse, limitarse ao necesario. Hai que preguntarse que automóbiles teñen que entrar na cidade e para que teñen que facelo.   Canto espazo existe, para que serven as rúas, se é normal que se aparque indiscriminadamente, se son eficaces os sistemas de pago, as peaxes… se é preciso construír tantas infraestruturas para os automóbiles, complicarnos con tanta tecnoloxía aplicada… Quizá debemos limitar o número de coches que acceden ao espazo urbano aos que sexan absolutamente necesarios para acceder aos servizos públicos, fornecemento e servizos comerciais, repartos, emerxencias, acceso a garaxes, etc.   Todo iso sobre a base de que o coche ten que compartir espazos con outros usos da rúa, como o comercial, o lecer, os servizos de hixiene urbana, a mobilidade natural, a convivencia veciñal… 
O espazo público. Para gañar espazo público nas cidades consolidadas é preciso retirar os coches. Non hai outro xeito.  Ou coches, ou espazo para as persoas e para o desenvolvemento de funcións que revitalicen a cidade e a convirtan nun espazo de oportunidades económicas, profesionais, creativas e de ocio.  
Un espazo seguro, ben alumeado, saneado, apto para a vida social. Un espazo que ademáis sexa en si mesmo promotor da cohesión social, xa que ofrece a toda a cidadanía lugares de calidade para desenvolverse.  
Mobilidade racional. Calquera prantexamento serio da intermodalidade do transporte urbano debe deixar os desprazamentos de proximidade para a propia enerxía de cada persoa, de tal xeito que se podan realizar a pé, ou coa bici como posible aliada.  Así, en radios de 2 km aproximadamente, o principal medio de transporte é camiñar, seguido da bici, o transporte público, e por último o automóbil privado, que debe reducirse ao mínimo imprescindible. 
A nosa cidade, de orixe medieval e tamaño pequeno foi adaptada a esa filosofía, pero tamén as grandes urbes poden optar por este modelo segmentando áreas de proximidade nas que se potencie a mobilidade natural sobre a motorizada. 
Camiñar resolve. Confiar no ser humano para moverse por si mesmo impulsado polo principal vehículo que temos, o noso propio corpo, é unha das bases da cidade sustentable.  Cando concebimos a reforma urbana, que se aplica desde hai 13 anos, priorizamos a mobilidade natural por enriba da motorizada.  
Neste tempo, ademáis da transformación física de rúas e prazas, puxemos en marcha iniciativas para contrarrestar a idea do coche omnipresente, baseadas nos beneficios de camiñar para a saúde persoal, a calidade do aire, os ruídos urbanos, a seguridade viaria, etc.  
Unha destas iniciativas é o Metrominuto, un plano con fisonomía de plano de metro, que mostra ao usuario as distancias en metros e tempo, entre os principais puntos da cidade. 
Resultados satisfactorios. Despois de 13 anos de transformación urbana, os resultados mídense en diversos índices, como a drástica diminución da sinistralidade viaria, a inexistencia de falecidos por accidentes de circulación, a percepción da cidade como un espazo integrador (accesibilidade universal). 
A cantidade de premios e recoñecementos é significativa: Premio Cermi 2007 (Confederación Española de Personas con Discapacidad); Premio Nacional da Cultura Galega (pola restauración urbana); Premio Fesvial (2010), da Fundación Fesvial pola seguridade viaria e os principais organismos españois desta área; Premio Movilidad Segura no II Encontro de Cidades pola Seguridade viaria, da Dirección General de Tráfico do Goberno de España e a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP); declaración Cidade Amiga dos Nenos pola organización independente Meniños, e Premio Intermodes 2013, otorgado en Bruxelas pola política de transporte intermodal baseado na mobilidade peonil. 
Ademáis, a cidade recibe constantes visitas de especialistas doutras cidades, e os seus técnicos e representantes son convidados a foros, congresos e reunións nas que se estuda a organización da mobilidade urbana. 
O valor da política. A valentía política, a vontade real de transformar a realidade é o principal ingredente que precisa a promoción da mobilidade peonil para compensar a abusiva e impropia presenza dos automóbiles nos espazos urbanos. O permanente traballo en común coa cidadanía, a concepción global do modelo que cada cidade debe seguir é un claro sistema de prioridades que conduzan ao obxectivo perseguido. A acción política debe poñerse claramente ao servizo do ben común, e posicionarse claramente ante calquera presión impropia procedente de lobbies ou estamentos directamente enfrentados aos obxectivos de sustentabilidade urbana que perseguimos.  
Crer no que se fai. Poucas cousas hai máis satisfactorias que contribuír ao benestar da cidadanía a través da institución local. É necesario actuar con convicción, con ánimo real de transformar a realidade para que a cidade sexa realmente para os cidadáns, e que ese tipo de frases tan utilizadas non queden en simple palabrería. Se realmente se quere potenciar o uso peonil da cidade, hai que limitar a presenza de automóbiles nas nosas rúas e prazas. Convicción, solidez de ideas, valentía política, participación pública e rumbo preciso son algunhas chaves do éxito do noso modelo”.