Lores anima aos pontevedreses a asistir mañá á manifestación en defensa da sanidade

68

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores quere facer un chamamento á cidadanía de Pontevedra a apoiar na rúa a mobilización convocada polos sindicatos sanitarios mañá pola tarde, a partir das 20.00 horas, dende o Hospital Principal.
O alcalde lembra a importancia de acudir a esta manifestación para, xunto cos profesionais da sanidade da área norte da provincia, denunciar os recortes en prestacións, servizos, en persoal, as privatizacións dos servizos e os reiterados copagos aos que se enfrontan os cidadáns nos últimos tempos que fan que a sanidade sexa cada vez menos pública e máis privada, contribuíndo ao seu deterioro.
O rexedor pontevedrés indicou que “hai riscos importantes. O primeiro é que estamos perdendo calidade, menor inversión, recortes en servizos universais, perda de inversión na nosa área sanitaria, perda de certas especialidades que correspondente a unha área de máis de 200.000 habitantes”. Concluíu Lores dicindo que “se seguimos nesta liña acabaremos sendo área sanitaria de terceira división e eso é malo para os cidadáns e tamén para os profesionais”.
Ante esta situación, Lores lembrou que Pontevedra “demanda un hospital único e público na nosa área sanitaria que entendemos que ten que ser Montecelo porque se fixo nel un investimento importante nos últimos anos -decisión do Partido Popular no seu momento, que nós aceptamos- e que non podemos desaproveitar porque cunha inversión menor podemos facer un hospital con todas as especialidades previstas para a nosa área”.