Lembrando a fábrica de Pontesa, da man das súas traballadoras

63

As traballadoras da Pontesa de Ponte Sampaio farán unha retrospectiva en clave de xénero da época na fábrica, o  xoves 2 de outubro ás 20.00 horas na Casa da Cultura de Ponte Sampaio. O encontro será presentado e moderado por Comba Campoy e nel participarán sete mulleres que traballaron na fábrica entre os anos 50 e os 80.
A actividade está organizada pola Concellaria de Patrimonio Histórico do Concello de Pontevedra e forma parte do proxecto A memoria das mulleres.  Na actualidade estase traballando na realización de entrevistas e na recollida de documentación para conformar un fondo documental, gráfico e audiovisual, así como unha Enciclopedia virtual sobre a historia  das mulleres de Pontevedra.
O acto quere ser un punto de encontro para todas aquelas mulleres da contorna empregadas na Pontesa e estará aberto á intervención das persoas asistentes.
Durante case catro décadas moitas mulleres da área de Pontevedra concentraron a súa forza de traballo na fábrica de Alfares A Pontesa, en Ponte Sampaio, unha das máis modernas e avanzadas nos seus comezos e protagonista de protestas laborais nos últimos anos.
Desde crear as pezas de cerámica até decoralas, barnizalas ou empaquetalas, mozos e maioritariamente mozas, aprenderon a traballar nun incipiente modelo industrial organizado en seccións, con primas e control de produtividade así como unha cadea de mando definidida, algo que pouco tiña que ver cos labores que viñan desempeñando as mulleres tradicionalmente na zona, vinculados á terra, ao mar ou a oficios como a costura.
A través dunha conversa con algunhas destas mulleres empregadas da Pontesa, queremos coñecer o cambio social e persoal que supuxo para elas e a contorna ter un traballo deste tipo en tempos nos que a muller tiña máis dificultades para acceder a un posto asalariado.
Ademais acompañarán coas súas narracións persoais a historia da fábrica e axudarán a botar unha ollada á parte humana que se agochaba tras das paredes da mítica Pontesa.
Este encontro está aberto a que o público interveña e participe para achegar a súa visión e vivencias, estabelecendo así unha conversa aberta entre as todas persoas presentes.