Instalan os andamios para primeira fase de reforma da Casa Consistorial

62

Esta mañá comezaron os traballos de andamiaxe da Casa do Concello para o arranxo da estrutura, das fachadas e da cuberta, obra que foi adxudicada a mediados de maio á empresa Ediserpo por 274.623,25 euros.
A primeira parte da obra afecta ao acondicionamento exterior do edificio. Ao respecto da cuberta da Casa Consistorial devolveráselle o acabado de zinc que tiña a edificación na súa orixe, ennoblecendo o inmoble e recuperando o acabado tradicional. Tamén se renovarán todos os elementos da cuberta como os canalóns.
Os arranxos tamén se estenderán á estrutura da cuberta, unha estrutura de madeira que está atacada por carcoma, carcoma grande e termita. Daráselle un tratamento de desinfección e protección para evitar futuros ataques.
Outros dos traballos desta primeira fase de rehabilitación é a reparación, recuperación e substitución das ventanas e portas da carpintería exterior de todo o edificio. En concreto, as portas principais (entradas principal e traseira) someteranse a un importante proceso de restauración dado o seu importante valor patrimonial e histórico.
O último dos aspectos da obra será a reparación de todos os panos brancos exteriores do edificio que se picarán e serán substituídos por morteiro de cal tradicional, recuperando, tamén, a orixe do edificio e seguindo os mesmos criterios cos que se actuou noutros edificios nobres da cidade.
Entre as melloras ofertas atópase a retirada do cabo da fachada traseira do edificio, a eliminación das luminarias actuais e dos seus cabos así como a retirada doutras canalizacións situadas nas distintas fachadas do edificio. Tamén se presentaron melloras específicas para o illamento termicoacústico da cuberta e garantías de calidade da obra.
Cabe lembrar que no inicio deste mandato o Goberno local acordou realizar a rehabilitación do edificio de Sesmero por fases, dado a situación ecónomica actual e o importante custe que deberían asumir as arcas municipais ao facer fronte a unha rehabilitación integral que superaría os 2,5 millóns de euros. Tendo claro a necesidade de rehabilitar o edificio principal do Concello e considerándoo unha prioridade dado o seu estado de deterioro, o Goberno Local apostou por ir realizando a reforma por fases, e atendendo ás prioridades do edificio.