Éxito de participación, organización e oferta no ecuador de Noites Abertas

58

Na edición dos 15 anos de Noites Abertas, e chegado o ecuador do programa, o concelleiro de Xuventude, Demetrio Gómez fixo esta mañá balance para afirmar que “Noites Abertas funcionan moi ben e estamos máis que satisfeitos co resultado”.
Esta valoración está respaldada tanto polos datos como polas impresións de todos os que participan: pola intensa colaboración dos monitores; polo bo ambiente xeral que reina no programa segundo os controladores, e noutros datos como a alta demanda de camisolas (a organización xa non dispón delas) ou a amplia demanda de actividades.
Dentro dos datos, até o ecuador de Noites Abertas (12 xornadas), participaron 2.624 mozos aos que habería que engadir 349 que quedaron sen praza. No ano 2013, con 15 xornadas, os datos eran de 2.650 participantes. Estes participantes totais tradúcense en 1.054 participantes reais, é dicir, persoas asiduas ao programa, que repiten actividades e contan con varias veces como participantes.
Os participantes por fin de semana foron 354, (369 en 2013 con 15 semanas); os participantes por día foron 218 (176 en 2013).
Por tramos de idades:
• 12 a 16 anos: 17% en 2013 e 24,6% en 2014.
• 17 a 25 anos: 57% en 2013 e 59,5% en 2014.
• 26 a 30 anos: 26% en 2013 e 15,9% en 2014.
Estes datos amosan un incremento do tramo máis novo, o que supón que se renovan os participantes, o que permite concluír que a mocidade demanda a permanencia de Noites Abertas.
Sobre as actividades, houbo 155 sesións (13 por xornada) que non foron de abondo porque 349 persoas quedaron sen praza. Realizáronse 12 sorteos (11 en todo 2013) e non se fixeron máis porque en 21 actividades os monitores aceptaron máis participantes dos previstos. Só houbo que suspender 4 actividades (2'5%): dúas polos temporais e dúas por falla de participantes. 
O concelleiro de Xuventude, Demetrio Gómez indicou que “nunha época na que a mocidade rexeita o modelo imposto polo sistema, en Pontevedra fixemos Noites Abertas tanto para asistir como para implicarse na organización”.
Noites Abertas é un programa quea mocidade pontevedresa consolidou e do que demanda a continuidade. O concelleiro de Xuventude, Demetrio Gómez, valorou cun sobresaínte o desenvolvemento de Noites na súa primeira metade e agradeceu a todos (monitores, controladores, funcionarios municipais, participantes, familias e medios de comunicación) o esforzo que están a realizar para acadar este éxito, e facer que Noites Abertas sexa un programa que a mocidade pontevedresa consolida e do que demanda a continuidade.