Éxito da primeira visita guiada á escavación do Castro das Croas

81

A Concellaría de Patrimonio Histórico organizou esta mañá a primeira visita guiada á escavación do Castro das Croas, que resultou todo un éxito de asistencia a pesares de que o tempo non acompañou. De feito, o concelleiro Luís Bará explicou que está a considerar ampliaro número de visitas guiadas (está prevista outra para este xoves) así como as xornadas de voluntariado porque están sendo moi demandadas. De todos os xeitos, a asistencia tanto as visitas como as xornadas estarían moi controladas para evitar interferir no traballo dos profesionais.

Luís Bará anunciou que está previsto un acto de peche de escavación a primeiros de setembro, onde se valorará a posibilidade de volver a abrir outra campaña na primavera ou verán que vén. Tamén en outono iniciaranse actividades de dinamización para o público en xeral (nas fins de semana), e para o público escolar ao respecto do Castro das Croas.

Tamén se traballa na organización dunha xornada divulgativa que se realizaría en Salcedo a finais de setembro ou primeiros de outubro. Luís Bará destacou que o máis importante deste proxecto é a súa socialización "para que a xente vexa o patrimonio como sinal de identidade". De feito, resaltou a importancia de apostar polo patrimonio rural, especialmente pola "xoia" do Val de Tomeza-Salcedo.