Entrega dos diplomas do último Obradoiro de Emprego con preocupación pola ausencia de novos fondos para a loita contra o paro

56

A concelleira de Promoción Económica, Emprego e Turismo, Carlota Román, entregou hoxe os diplomas aos alumnos participantes no último Obradoiro de Emprego de Pontevedra, clausurado o pasado mes de abril. O obradoiro contou con 24 alumnos nos módulos de Dinamización Turística e Dinamización Comercial e unha parte deles e presentaron hoxe para recoller os títulos.

A concelleira lamentou que o Obradoiro só tivese unha duración de seis meses, o que, ao seu xuízo, supón un “desperdicio” porque a redución con respecto aos tradicionais 12 meses neste tipo de actividades. A Administración soporta o custo da formación dunhas persoas, explicou, e logo renuncia a obter un retorno en forma das prestacións que estes alumnos poden e deben facer ao municipio.

Carlota Román anunciou tamén a súa preocupación polo feito de que Pontevedra solicitou un novo Obradoiro o pasado mes de febreiro, no marco da convocatoria oficial da Consellería de Traballo, e aínda non obtivo resposta por parte da Consellería de Traballo. Ao tempo, os responsables da Xunta de Galicia xa inauguraron varios na provincia, todos eles en concellos de pouca poboación, o que non parece moi coherente se se pretende utilizar os recursos para loitar contra o desemprego. As grandes bolsas de parados, lembrou a edil, están nas cidades.

Se se confirman as sospeitas, este ano Pontevedra volverá quedar sen Obradoiro de Emprego (o anterior chegou despois de tres anos de negativas). Carlota Román volveu lembrar que a Xunta é a Administración titular das competencias en políticas activas de emprego e os concellos, ademais de carecer de competencias, teñen mesmo dificultades legais, por mor das sucesivas reformas legais en materia de Administración local.