Ediserpo, a mellor oferta para construír o Local social de Salcedo

59

O Concello de Pontevedra reuniu esta mañá a mesa de contratación para a construción do Centro social de Salcedo, á que se presentaran nove ofertas. A mesa de contratación propuxo como mellor oferta a da construtora Ediserpo, por valor de 708.455,69 euros. O prezo de licitación era de 778.522,74 euros, que se financian en dúas anualidades, sendo a partida deste ano de 300.000 euros.
Segundo informou esta mañá o concelleiro delegado da parroquia de Salcedo, Demetrio Gómez explicou que Ediserpo ofrece todas as melloras incluídas no prego de licitación: Urbanización exterior, mobiliario exterior e interior, equipamentos de audiovisuais e informática, e equipamento do oficio.
O Local social terá unha superficie construída de 650 metros cadrados, e contribuirá a conformar o núcleo de centralidade parroquia nesta zona onde xa se atopan os colexios, a Casa da música, a Casa do monte e o novo parque infantil. Tamén está a carón da igrexa e do cemiterio parroquial.
O proxecto foi negociado dende o primeiro momento co Consello parroquial incluíndo as peticións da plataforma constituída con posterioridade ao primeiro proxecto. Inclúe zonas de estancia, reunións, baños, espazo para obradoiros e dúas salas amplas con paredes móbiles que permitirá crear un espazo de escenario e platea, no caso de darse unha representación.
Trátase dun Centro social ambicioso polo prezo, pola funcionalidade, polos avances técnicos e pola capacidade do edificio.