Dura lex, unha crítica humorística ao sistema xudicial, este sábado, no Gorgullón

81

O Centro Social do Gorgullón acolle este sábado, 27 de setembro, a obra teatral Dura lex, da compañía Volta e Dálle, que pretende facer reflexionar sobre os actuais desaxustes do sistema xudicial. O espectáculo comezará ás 19.00 horas, e ao seu remate haberá un coloquio sobre a denominada "lei mordaza". A entrada é de balde,
até completar aforo.

O espectáculo propón unha crítica ao sistema xudicial vixente en clave de humor. A peza, producida pola compañía Volta e Dálle, foi escrita e dirixida por Carlos Santiago e protagonizada por Pepe Penabade, que encarna a un xuíz expulsado da maxistratura que presenta un invento para suplir os elementos “prescindíbeis” do aparello xudicial.

O xuíz Salomón da Silva convoca un acto promocional para presentar a DURA LEX PRO 1.0, a máquina de facer xustiza, un invento chamado a revolucionar os sistemas democráticos e os non democráticos, tamén. Entre as variadas prestacións do invento destaca a súa axilidade no procesamento de condutas delictivas, a súa economía de medios facilitada pola supresión de fiscais, avogados, procuradores e outros roles xurídicos, e a súa irreprochable imparcialidade mecánica. Ante a urxencia de reformas e recortes no eido xudicial, sancionada pola crise e a política gubernamental, o noso xuíz ofrece á sociedade a solución perfecta a todas as imperfeccións do sistema xudicial.

Carlos Santiago asina un texto acedo, no que se combinan as alusións á actualidade con reflexións máis filosóficas arredor do concepto de Xustiza e do papel dos membros do corpo xudicial. Comba Campoy apoiou na dirección e na produción deste monólogo, mentres que o atrezzo correo a cargo de Pancho Lapeña. Despois da representación, os membros do equipo artístico e o avogado Guillerme Presa Suárez, membro do Observatorio para a defensa dos dereitos e liberdades (Esculca), conversarán co público asistente sobre as consecuencias do Proxecto de Lei de Seguranza Cidadá (a coñecida como Lei Mordaza), que o actual goberno ten previsto aprobar nos vindeiros meses.