Comezan os traballos de creación do novo parque forestal de Gatomorto

71

Os concelleiros Demetrio Gómez, Miguel Filgueira e Anxos Riveiro visitaron esta mañá en compañía de representantes da Comunidade de Montes de Santa María de Xeve os primeiros traballos de creación do parque forestal de Gatomorto, logo de executar o proxecto de restauración paisaxística e creación de sendas con recuperación ambiental no contorno do río Lobada e Fens que acometen a Comunidade de Montes en colaboración co Concello de Pontevedra conxuntamente.
A restauración comezou nestes días e está previsto que remate ao longo do mes de novembro.
A parcela na que se actuará é de 6,03 hectáreas, unha tira estreita de terreo que na actualidade carece de uso, unha vez que a actividade do campo de fútbol desapareceu. O propósito é facer unha restauración ambiental da parcela que permita recobrala para o uso púbilco, antigamente vinculada ao uso agrario xa que nela existen dous muíños e outros dous moi próximos. Tamén existe un vello merendeiro e unha zona de xogos infantís degradada co paso do tempo.
O proxecto inclúe o acondicionamento dun acceso principal na zona norte na actualidade ocupada por material de saneamento e un parque infantil. Esta será a zona de acollida e aparcadoiro ao crear un espazo con xabre compactado e cartel informativo sobre o monte veciñal e os seus valores. Esta zona estará acotada por morróns para garantir o uso peonil ou ciclista do parque.
A un nivel máis baixo, inmediatamente ao leste na área de acollida esténdese unha zona cha acondicionada como zona de estancia. A zona manterá a súa distribución pero plantaranse freixos que encaixan co ambiente adevesado da zona de estancia; manterase a actual zona de mesas; o lavadoiro actual recuperará a súa fisonomía orixinaria retirándoselle a cuberta de formigón engadida; e pavimentarase a contorna con canto rodado simulando un regado e cunha plantación marxinal específica en zonas húmidas.
Esta zona ten un noiro que separa a zona de estancia do aparcamento que será restaurado con especies autóctonas, e eliminaranse as alóctonas.
Esta parcela estará percorrida por dous sendeiros, un para bicis e outro peonil. Este último percorrerá toda a parcela con firme de gravilla e nivelación exquisita para facilitar o paseo das persoas de maior idade. Ao respecto do sendeiro para bicicletas, percorrerá tamén toda a parcela de norte a sur e, na maior parte do seu trazado, están separados.
Está previsto transformar o campo de fútbol abandonado nun circuíto de bicicross, aínda que no seu deseño definitivo contarase cos afeizoados locais, as asociacións ciclistas e tamén co IMD.
Outro punto forte do proxecto é a restauración da vexetación. A maior parte da parcela destinarase a ampliar o ecosistema de ribeira mediante a plantación de especies arbóreas e arbustivas propias deste ámbito. Entre estas especies estarán o pino manso, carballos, cerdeiras…
Na parte sur do antigo campo de fútbol habilitarase unha área biosaudable con elementos para exercicio físico de baixo nivel. Tamén se fará unha coidada intervención na zon do muíño e do lavadoiro, coa plantación de especies autóctonas e creando unha zona axardinnada rústica de calidade.
Tamén se plantea a restauración dos muíños da parcela; a  creación dunha zona de estancia para realizar actividades deportivas relaxantes tipo ioga ou taichi e obradoiros de educación ambiental en col do muíño; entre outras actuacións.