Comezan as melloras da avenida da Estación

67

O alcalde Miguel Anxo Fernández Lores e o concelleiro de obras, Luís Bará visitaron esta mañá os traballos de desdobramento da avenida de Vigo cuxas obras "están moi avanzadas", explicaba esta mañá o alcalde. De feito, trabállase na instalación dos servizos que van máis profundos, é dicir, o saneamento. Xa se ve o paseo do Gafos que vai pegado á nova estrada, máis baixo que a calzada e terá continuidade baixo a ponte da avenida da Estación, en forma de pasarela de madeira para darlle continuidade ao paseo do Gafos até o nó do Pino.
Indicou que neste momento comezan os primeiros traballos das melloras da avenida da Estación, que incrementará a súa calidade coa creación de medidas de seguranza viaria, ampliación de beirarrúas coa plantación de árbores e reordenación dos espazos e zonas de estacionamento.
O alcalde explicou que o desdobramento da avenida de Vigo "é unha obra moi importante de mellora da mobilidade sur na cidade, que incrementará considerablemente a calidade urbana deste barrio".
Fernández Lores tamén expresou que na primavera a obra estará moi avanzada, pero aínda non se poderá transitar pola nova estrada.