Chega o III Torneo Masters de Esgrina, coa Peregrina como fondo

74

Os amantes do deporte teñen unha cita singular este sábado, día 13, en Pontevedra. A esgrima, un deporte sempre atractivo para o público, será protagonista na praza da Peregrina. O concelleiro de Deportes, Agustín Fernández, e o presidente do Club Escola Hungaresa, Adrián Cubela, presentaron o III Torneo Masters de Esgrima de Galicia.

O evento dará comezo ás 16.30 horas cun torneo aberto de esgrima histórica, realizado con espada rapieira e espada longa, onde tiradores pertencentes a salas de Pontevedra, Vigo, Santiago e A Coruña medirán a súa destreza en ambas modalidades.

Agustín Fernández subliñou a elección dun entorno privilexiado para este singular torneo. O concelleiro destacou que a esgrima segue a medrar ano a ano na cidade e varios dos tiradores do club local están comezando a acadar importantes trunfos a escala nacional e mesmo internacional.

A partires das 18.30 horas e ata as 20.00 horas terá lugar o torneo de esgrima olímpica, que enfrontará, nun formato de asalto único (final), aos vixentes campións galegos cos líderes do ranking galego en cada arma (espada, florete e sabre) de categoría absoluta, masculina e feminina.

O torneo contará coa participación de tiradores e tiradoras do máximo nivel nacional e internacional pertencentes a salas de Pontevedra, Vigo, Santiago, A Coruña, Lugo e Oleiros.

Os representantes da Escola Hungaresa de Pontevedra no torneo de esgrima olímpica serán Natalia Fernández, Ana Barros, Víctor Revenga e Luís Castro, todos na modalidade de sabre.