Cen alumnos do CEIP A Xunqueira II participaron no obradoiro de banda deseñada

39

O concelleiro de Normalización Lingüística, Demetrio Gómez visitou esta mañá o CEIP A Xunqueira II para entregar aos cen alumnos participantes no Obradoiro de banda deseñada promovido pola Concellaría, as revistas realizadas durente os meses de obradoiro. Durante todo o curso participaron 84 alumnos en horario escolar e 16 en horario extraescolar.
A Concellaría organizou un ano máis este obradoiro de narración a través da banda deseñada en colaboración coa comunidade educativa do CEIP A Xunqueira II: ANPA e profesorado de educación primaria, co fin de dinamizar o uso da lingua galega entre os nenos e nenas de 5º e 6º  cursos de primaria.
O obradoiro foi impartido e coordinado polo ilustrador Jano Viñuela Agra, licenciado en Belas Artes que na actualidade traballa como ilustrador e deseñador gráfico free-lance. Os seus traballos chegaron ao Salón do Cómic de Barcelona, onde expuxo en 2009, e gañou premios como do IV Certame de Imaxe Artística (2003), o do Certamen de Cómic e Ilustración Injuve (2002) ou do Concurso Salón do Cómic de Cangas (2001).
O traballo dividiuse en distintas fases, comezando coa lectura de Espantallo amigo, de Xosé Neira Vilas para o alumnado de 5º curso e O Nicolasiño, de Jean-Jacques Sempé e René Goscinny, para o alumnado de 6º curso.
A partir de aí os escolares resumiron a historia, estudaron os personaxes, crearon a storyboard (o proxecto de banda desañada), deseñaron graficamente os personaxes descritos nos textos, elaboraron un guión técnico e achegáronse á arte final das páxinas da banda deseñada con todos o seus elementos narrativos; así como ao proceso de maquetación, edición e publicación do traballo.
O obradoiro desenvolveuse en dúas fases paralelas:
– Sesións en horario extraescolar: os luns, do 17 de febreiro ao 2 de xuño, ambos os dous incluídos en horario de 16 a 18.30 horas.
– Sesións en horario lectivo: os luns, desde o 17 de febreiro ata o 26 de maio, ambos os dous incluídos. Cada clase de 5º e 6º de primaria terá unha hora de traballo cada quince días integrada na aula e horario normal de clase.

O obxectivo deste obradoiro é fomentar os usos orais e escritos da lingua galega entre o alumnado do terceiro ciclo de primaria, a través da creación, da escrita e da reflexión. A actividade busca o achegamento dos rapaces á lingua galega a través da creación de historias en banda deseñada.
A banda deseñada estimula a creatividade; favorece a aprendizaxe: perfecciona a lectura, enriquece o vocabulario, desenvolve a expresión e a comprensión, mellora a ortografía, a percepción e a capacidade de síntese e análise; reflicte a realidade social dunha época e un país, desenvolve a capacidade crítica ante o mundo que nos rodea, dá a coñecer paixóns humanas, frustracións persoais, soños, contradicións…