Case 5 millóns en danos polos temporais

48

O Concello de Pontevedra ten contabilizados danos e investimentos por valor de 4,9 millóns de euros, tanto na zona urbana como no rural, derivados dos temporais dos pasados meses de decembro, xaneiro e febreiro. Así o deu a coñecer a concelleira de Seguridade Cidadá, Carme da Silva quen no seu balance destacou que en só quince días de decembro, xaneiro e febreiro con alerta vermella fixéronse 400 intervencións, aos que hai que engadir o resto de días nos que non estivo decretada esta alerta.

Carme da Silva explicou que o procedemento de intervención pasa por que a Policía Local recibe a chamada de emerxencia, avalía a gravidade, despraza unha patrulla para ver o sucedido. En función da emerxencia, desvía o servizo pertinente dende a propia Policía Local aos servizos municipais ou as empresas colaboradoras do Concello. Un exemplo dos recursos que houbo que pór ao servizo destas emerxencias son os 100 valos que o Concello tivo que mercar para sinalizar emerxencias.

A concelleira quixo agradecer o traballo de centos de persoas que traballaron en datas sinaladas para a nosa seguridade, entre eles os medios de comunicación dos que foi preciso votar man para alertar de situacións de emerxencia con carácter instantáneo.

Atendéronse moitas emerxencias entre elas:

  • 26 de alumeado público
  • 98 de arborado
  • 95 de edificios (entre eles o da Xunta de Galicia ao que se acudiu en diversas ocasións)
  • 13 inundacións
  • 18 de mobiliario urbano
  • 16 de tendido eléctrico
  • 11 muros
  • 19 valados caídos
  • 15 rúas cortadas

Os gastos de emerxencia están contabilizados en 706.000 euros: 46.000 euros no rural; 65.000 euros en iluminación; 5.000 en valos; 23.700 euros en edificios municipais; 211.000 euros no Pazo da Cultura ou 21.800 euros no edificio do Concello onde voou un lucernario. Ademais de obras en Mourente, nos Gafos en Campañó…

En total, o Concello contabilizou arredor de 4,9 millóns de euros dos cales 2,8 millóns son en pavimentos no rural e 1.560.000 euros en parques e vías urbanas.