Campañó recibe a nova praza urbana do lugar de Cabaleiro

67

O Concello de Pontevedra inaugura esta tarde a nova praza de Cabaleiro, na parroquia de Campañó, onde o Concello realizou unha obra baixo os estándares urbanos. Neste acto estará presente o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores así como a concelleira delegada da parroquia, Pilar Comesaña, entre outros membros do Goberno local.
A obra tivo un custe de 173.050 euros. O propósito foi integrar a praza do cruceiro de Cabaleiro, onde conflúen tráfico peonil con rodado, de xeito ordenado e seguro. Polo tanto, fíxose unha plataforma única na que a calzada terá un ancho de 5 metros, con canalización de augas pluviais. Atravesa a praza, que está dividida en dúas zonas peonís.
Ademais, a calzada ten un pavimento de asfalto sobre o que se imprimiu un material antideslizante en cor para favorecer a adherencia dos vehículos. Instaláronse lombos redutores de velocidade. E dispón de sinalización horizontal e vertical con velocidade máxima 20km/h.
Ao respecto das dúas zonas peonís, teñen un pavimento de adoquín (similar ao da rúa Gutiérrez Mellado), e están separadas da calzada cuns pequenos muros de pedra a dúas caras que fan, tamén, de bancos.
Esta actuación foi a primeira destas características que puxo en marcha o Goberno Local nun núcleo rural. O propósito é elevar os estándares de calidade xa implantados no centro urbano ao rural, sendo conscientes de que só se poden pór en marcha nos denominados núcleos de centralidade parroquial, é dicir, lugares de concentración e encontro de veciños, como é o caso de Cabaleiro.