Campaña de control sobre a poboación de gaivotas

52

O Concello de Pontevedra realizou durante os meses de xullo e agosto un programa de control de aves silvestres na cidade, en concreto, na poboación de gaivotas que estaba a supoñer un problema na cidade. Segundo explicou o concelleiro responsábel da área, Miguel Filgueira, o obxectivo inicial era coñecer o número desta poboación e atender a algunhas queixas trasladadas á oficina de Medio Ambiente por parte de hostaleiros e tamén por particulares especialmente nas prazas da cidade.

O Concello púxose en contacto coa empresa Larus Control, que solicitou permiso á Consellería de Medio Ambiente que indicou como se tiñan que recoller os parrulos e onde se deberan soltar, logo de crialos. O ámbito de actuación foi no centro histórico e tamén en parte do ensanche, especialmente no ámbito da rúa Michelena, dende o Hospital, cara Sagasta…

Neste espazo repartiuse información entre os veciños, polo que recibiron 95 chamadas, e fixeron 78 visitas aos tellados onde localizaron 117 niños. En 28 tellados non puideron subir por distintos motivos, dende non ter a autorización de propietarios a non poder polas malas condicións dos tellados. En total retiráronse 123 polos.

Segundo as estimacións da empresa, en Pontevedra debe haber arredor de 200 parellas de gaivotas "unha cantidade bastante importante", polo que de cara ao vindeiro ano a Concellaría pretende facer unha segunda campaña de control da poboación pero iniciada na primavera para poder actuar sobre os ovos.