Bravú XX. Tanta paixón quen poderá detela!”, dende esta tarde no Pazo da Cultura

47

O vestíbulo do Auditorio do Pazo da Cultura acolle dende esta tarde a exposición "Bravú XX. Tanta paixón quen poderá detela!", organizada pola Concellaría de Normalización Lingüística para celebrar os 20 anos do nacemento deste movemento cultural que transcendeu o eido da música e abrangueu diversas expresións culturais conseguindo que a lingua galega fose a canle común de creación para chegar a cada recuncho da nosa terra e aínda traspasar fronteiras.
A inauguración a cargo do alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, será a partir das 20 horas, e no acto participará Xurxo Souto, comisario da exposición e protagonista do nacemento e da evolución do movemento bravú, e Pinto de Herbón.
A noite de Santos de 1994, nunha taberna de Viana, Chantada, naceu o bravú. Unha etiqueta creada polos propios músicos que serviu para bautizar o rock cantado en galego, magma vizoso que entón estaba a agromar por todo o país.  Vinte anos despois cómpre lembrar o comezo desta aventura; unha referencia cultural e unha proposta de traballo colectivo que as persoas máis novas teñen dereito a coñecer.
O bravú comezou sendo guitarra e distorsión, mais axiña estendeu o seu berro de vida por outros camiños. Nesta exposición queremos recoller ese proxecto de axitación xeral, alicerce dunha tradición, e tamén impulso creativo para os novos tempos.
A primeira exposición gran formato do rock galego
Alén de discos, CD, camisolas, chapas, carteis, paneis informativos e instrumentos musicais, esta mostra dá un paso máis e achega un proxecto  iconográfico radicalmente novo: é a primeira exposición de lonas de gran formato do rock galego. Ata o 7 de decembro poderanse ver no auditorio do Pazo da Cultura eses grandes panos que identifican cos seus símbolos os diferentes grupos e que ata o momento só podíamos albiscar nos concertos, pendurados detrás da tarima da batería.
Rastreros, Diplomáticos, O Caimán do Río Tea, Ruxe Ruxe, Skornabois… Emblemas dun tempo cargado de creatividade e vehemencia. Proposta estética absolutamente inédita dentro da cultura popular contemporánea. Como pregoábamos entón, vinte anos despois: tanta paixón quen poderá detela!
A imaxe do lobo bravú que fora creada polo deseñador Xaime Cabanas é o eixo plástico arredor do que se artella a mostra.  Ademais, a exposición está formada por 8 paneis:
• Panel 1: Tanta paixón quen poderá detela! “Nos 90 as guitarras eléctricas chegan á aldea”
• Panel 2: Smells like wild spirit .“Cheira como a caña brava” (José Colmeiro, Michigan StateUniversity) “Na antítese do concepto de Morriña está o bravú” (Miguel Anxo Murado, “OutraIdea de Galicia”)
• Panel 3: Entre o rubán e o glocal (José Colmeiro). “O único xeito de chegar a ser realmente cidadán do mundo, é comezar por coñecer esa parte do mundo na que habitas”
• Panel 4: Bravú, a revista que sae cando a situación o require
• Panel 5: Que gusto é dar gusto a quen gusto sabe dar. “Nesta terra de mulleres que sementan berberechos na ribeira e patacas na eira” (As Garotas da Ribeira)
• Panel 6: Sesión bravú “Somos festivaleir@s”. “Eu fun á feira de San Sadurniño, canseimede viño, de rir e troular” (O Cuco de Velle)
• Panel 7: Andar polo mundo que bonito é!. “Desta aventura sairán cousas con vida propia” (Manu Chao)
• Panel 8: E de remate…que continúe! (Alexandre de Fisterra, inventor de futbolín)
•  e tamén….
o 8 bustos con réplicas de camisetas da época
o textos dos grupos máis representativos do rock bravú
o orixinais de lonas de festivais, carteis e discos dos grupos
o unha recreación dun escenario con instrumentos da época
o unha rock-ola para poñer os temas do bravú que os/as visitantes desexe

Horarios de visita e días de apertura
A mostra poderá visitarse desde o 18 de novembro ata o 7 de decembro:
– de luns a venres: de 8 a 22 horas
– os sábados: de 9 a 14 e de 16 a 21 horas
– e os días 5, 6 e 7 de decembro: no horario do Culturgal

Outras actividades arredor da exposición
A Concellaría de Normalización Lingüística ofrécelles aos centros de ensino secundario a posibilidade de facer visitas guiadas á exposición, con Xurxo Souto como relator.

Actos en paralelo na Coruña, durante a Semana do Bravú
O luns 17 tamén se estrea na Coruña a Semana do Bravú. Os diversos actos que alí se organizan en paralelo entre A Coruña e Pontevedra van compoñer un eixo vertebrador que lembrará as sinerxías bravús que ateigaron Galicia hai vinte anos.