As xornadas de patrimonio funerario visitan Castiñeiras

82

A Concellaría de Patrimonio Histórico continúa esta semana coas xornadas de patrimonio funerario ao longo da historia coa visita comentada aos enterramentos megalíticos da Chan de Castiñeiras (parroquia de San Martiño de Vilaboa) e a Chan da Armada (parroquia de Santomé de Piñeiro, en Marín), situados na contorna do Lago de Castiñeiras.

A visita comezará ás 11 horas deste sábado, 24 de novembro, no estacionamento situado ao pé do Lago de Castiñeiras e contará coas explicacións de Xoán Carlos Castro, arqueólogo do Concello de Pontevedra e director das excavacións arqueolóxicas que foron realizadas nestes monumentos no ano 2008.

O percorrido permitirá coñecer como se enterraban os habitantes da costa atlántica europea fai 4.500 anos, e as características específicas dun dos conxuntos patrimoniais máis espectaculares do megalitismo galego.

Non é necesaria a inscrición previa, as persoas interesadas deberán estar no Lago de Castiñeiras ás 11 horas do sábado.