Dous tramos dun enlousado pétreo de época moderna (inicialmente datado no século XVIII) quedaron á luz entre a tarde de onte e a mañá de hoxe, no transcurso das obras de reforma integral na rúa de Santa Clara. O tenente de alcalde e concelleiro de Urbanismo, Antón Louro, visitou hoxe a actuación acompañado de técnicos municipais, da empresa contratista Eiriña e da firma responsable do control arqueolóxico, Citania.
Louro destacou que estamos diante da terceira fase prevista no Plan de Obra, é dicir a que cobre o sector entre o aparcamento de Froiz e o encontro con Cobián Roffignac. Unha zona que era tamén, dende o punto de vista arqueolóxico, a máis sensible, dada a proximidade á traza da muralla medieval de Pontevedra.
As máquinas deron a última hora da tarde de onte cun primeiro tramo do enlousado e, a media mañá de hoxe, saíu á luz outro tramo sen continuidade e situado a uns 30 metros do anterior. En principio todo indica que poderían corresponder coa antiga vía dos arrieiros que traían o viño do Ribeiro e outras mercadorías ao porto das Corbaceiras e entraban na vila pola porta de Santa Clara. Non obstante, o dato de se estamos diante do antigo Camiño Vello de Castela debe ser aínda corroborado.
Antón Louro iniciou hoxe mesmo os contactos cos técnicos de Patrimonio e barállase a posibilidade de remover todo o pavimento pendente para determinar con exactitude o alcance dos restos arqueolóxicos no ámbito da obra. A partir de aí elaborarase o informe arqueolóxico de valoración para o seu envío a Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, que deberá tomar a determinación sobre as medidas cautelares antes de proseguir a obra de urbanización.
O tenente de alcalde felicitouse por esta oportunidade de enriquecer o coñecemento da historia da cidade e aprazou calquera consideración sobre o prazo de finalización das obras ata que se coñeza e se documento a totalidade dos vestixios e se pronuncie Patrimonio. Ao mesmo tempo impartiu instrucións aos técnicos municipais e da empresa contratista para minimizar as molestias no acceso aos portais que, neste sector, están situados nun só lado.
Israel Picón, director arqueolóxico da obra enxalzou o valor histórico dos restos e aprazou calquera consideración definitiva ata que haxa datos máis sólidos. Cualificou o achado como totalmente lóxico dada a zona da cidade na que se están a realizar estas obras.
Por outra parte, amosou unha peza cerámica de época medieval e tradición Talavera, que é testemuña da puxanza comercial da cidade Pontevedra e o seu porto hai algúns séculos. Subliñou que se trata dun tipo de cerámica moi habitual nos xacementos arqueolóxicos urbanos da cidade. Trátase dunha peza branca con dúas bandas azuis e ondas douradas.
A reforma da rúa de Santa Clara, cun orzamento de 676.199 euros, comezou a finais do pasado ano e formou parte dun paquete dunha ducia de obras, todas elas xa rematadas agás a avenida de Lugo, que tamén estreará a súa nova configuración ao longo deste ano.