As obras de Santa Clara volven avanzar a todo ritmo coa axilización das escavacións arqueolóxicas

53

As obras de humanización da rúa de Santa Clara volven avanzar a todo ritmo unha vez que o Concello adxudicou a semana pasada as obras complementarias de escavacións arqueolóxicas no terceiro sector desta céntrica vía. O tenente de alcalde e concelleiro de Urbanismo, Antón Louro, visitou hoxe a actuación, acompañado de técnicos municipais, da empresa construtora e da firma que realiza a escavación e control das estruturas históricas.

Louro comprobou que despois de que as obras afloraran dous pequenos lousados de pedra medievais (supostamente pertencentes ao Camiño Vello de Castela ou ruta dos arrieiros) tan só se descubriu outro sector coa mesma tipoloxía, co que xa saíron á luz en torno a uns 15 metros de lonxitude. Non se atopou, polo momento, ningún outro vestixio.

O tenente de alcalde comprobou que tan só falta por abrir unha estreita franxa central da rúa, presumiblemente moi afectada xa polas vellas instalacións de Santa Clara. Os primeiros datos indican que a obra finalizará sen maiores complicacións. As previsións apuntan a que o labor dos arqueólogos podería concluír a finais da semana próxima.

As obras complementarias cobren unha superficie duns 400 metros cadrados que están a ser levantados completamente. Unha vez estudadas as estruturas arqueolóxicas comezará a colocación das novas instalacións de auga, saneamento, pluviais, electricidade e o resto de servizos. O trazado definitivo dos tubos farase coa autorización dos técnicos de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia.

Antón Louro dixo que cómpre ser prudentes á hora de determinar prazos para o remate das obras. Farase un esforzo para avanzar o máximo posible antes do Nadal, explicou. Se non é posible rematar para entón, engadiu, acabaremos o antes posible.

As obras da rúa de Santa Clara, que están a ser realizadas pola empresa Stradia Infraestructuras S.L., contan cun orzamento de 676.199,22 euros. Están a ser executadas en tres fases sucesivas para minimizar as molestias a veciños e comerciantes nunha vía moi estreita e na que era preciso manter aberto o tráfico rodado durante toda a execución. O proxecto consiste na substitución integral de todos os servizos, absolutamente obsoletos e deficientes, e unha adecuación en superficie baseada na ampliación dos espazos peonís, acabando coa precariedade das beirarrúas anteriores. Inclúen tamén un parque infantil e o acondicionamento da praza de José Martí.

Ao orzamento de partida engadiuse, en cumprimento da lexislación en materia de Patrimonio, un proxecto complementario de 55.452,61 euros para acometer as actuacións arqueolóxicas derivadas da aparición do camiño medieval. Este proxecto foi dotado cunha modificación de crédito nos Orzamentos municipais para este ano.